mércores, 1 de xuño de 2011

Sobre a situación das negociacións para elexir Alcalde

A día de hoxe, transcorridos nove días desde as eleccións municipais, nas cales obtivemos un representante na cámara municipal, e de cuxos resultados desprendemos que hai dous partidos lexitimados por número de concelleiros a reclamar a alcaldía e formar goberno, desde a Asemblea Local de EU do Grove queremos informar a todos os veciños e veciñas dos feitos acontecidos.


Neste tempo transcorrido desde os comicios, mantivemos unha xuntanza formal co señor Cacabelos (non tivemos contacto con ninguén máis do PSOE) por iniciativa del mesmo. Nesta xuntanza, definida por el como “toma de contacto”, Cacabelos limitouse a trasladarnos un discurso idílico totalmente valeiro de contido político no que apelou á formación dun goberno de esquerdas, a parte de informarnos das “tomas de contacto” que mantivo con outras forzas políticas. Mantivo tamén o noso futuro concelleiro José Antonio Taboada unha xuntanza informal con Cacabelos, na cal se mantivo o guión marcado polo de momento alcalde do Grove.

Ante a inconcreción deste discurso, os membros da comisión delegada por EU para estas xuntanzas preguntoulle a Cacabelos algo que entendemos debería ser o primeiro e mais importante: se pretende o noso voto para ser alcalde, cal será o seu programa de goberno para os vindeiros catro anos? Ante esta pregunta, sorprendeunos o efímero da resposta; continuar co traballo iniciado no último mandato. Este é o xeito polo que pretende Cacabelos (non sabemos se o PSOE do Grove tamén) convencer a EU de que lle dea o seu voto na investidura, a inconcreción.

Nestas xuntanzas, tamén falou Cacabelos dos resultados electorais. Coincidimos en algo, que o pobo do Grove maioritariamente non quere ao PP, mais non se decatou o señor Cacabelos de outro detalle moi importante, o pobo do Grove non quere outro cuatripartito ou tripartito. Se sumamos os votos das forzas do tripartito, perden case 200 votos (a pesares da importante subida do PSOE), e se falamos do cuatripartito son practicamente 300 os votos perdidos. Que lexitimidade ten entón continuar coas mesmas políticas?

A conclusión que chegamos despois de tantos días, é que o señor Cacabelos parece que non quere ser alcalde do Grove, pois non está a liderar nengún tipo de negociación (polo menos con EU), non está a ofrecer ningún programa de goberno concreto (non nos valen declaracións de intencións efímeras) sobre o que comezar a negociar. Desde Esquerda Unida pensamos que debe ser isto de coñecemento público, ante o peso que os membros da nosa candidatura están comezando a notar por parte das presións veciñais que esixen saber quen será o próximo alcalde. O que está claro é que non é nen debe ser iniciativa de Esquerda Unida, senón de quen pretende a alcaldía, convencer ás demais forzas políticas para conformar unha maioría na investidura.


Prensa:
Todogrove.com: Esquerda Unida conclúe que Cacabelos “non quere ser alcalde”
La Voz de Galicia: EU enfría el pacto de la izquierda y exige a Cacabelos que haga propuestas concretas
Diario de Arousa: EU duda que Cacabelos quiera ser alcalde porque “non está a ofrecer ningún programa de goberno concreto” 


Ningún comentario:

Publicar un comentario