Ante as declaracións do alcalde do Grove e compañeiro de goberno, José A. Cacabelos, en resposta ao comunicado que a miña organización política, Esquerda Unida, a quen represento na corporación municipal, gustaríame facer público o meu parecer.
O señor Cacabelos afirma que existe unha división interna en Esquerda Unida que se ve reflectida na nota referente á non convocatoria de pleno e a chamada a unha xuntanza dos catro partidos que conformamos goberno para facer un seguimento e revisión do pacto. O señor Cacabelos non debería falar do que non sabe, pois pode errar como neste caso, facendo afirmacións falsas sobre unha organización política como Esquerda Unida grazas á cal el é alcalde do Grove, e da cal el é totalmente alleo. Non debería xogar a pitoniso o señor alcalde, pois é moi fácil que lle “saia o tiro pola culata” e lle revente na cara.
Esquerda Unida nunca revelou cuestións internas do goberno (como si fai Cacabelos nas súas declaracións á prensa de hoxe). Simplemente quixemos facer público o parecer da agrupación respecto a un caso puntual como a suspensión do pleno (da cal non tiven coñecemento até o mesmo día que se tiña que celebrar pola mañá, e isto si que é interno… Sería absurdo entón presentar dúas mocións para debatir nun pleno inexistente), así como un asunto que entendemos de extraordinaria importancia para os veciños como a convocatoria dunha xuntanza na que se revisará o pacto de goberno do Grove, o cal sen dúbida afectará aos intereses da veciñanza, así como entendemos que non é unha cuestión que se teña que tratar internamente entre os nove concelleiros, senón que se debe tratar polas catro forzas políticas que sustentamos o goberno e no seu día asinamos dito pacto, dun xeito máis global, e aberto a unha visión máis ampla que a que poidamos ter os concelleiros. Non sei os nosos socios, pero nós si temos moi claras as diferencias entre organización política e representantes institucionais.
Somos unha organización paciente e responsábel, e creo que demos mostra delo, até o punto de ser capaces de tragarnos o noso orgullo na anterior crise de goberno por manter un equilibrio institucional que consideramos prioritario para conquerir os obxectivos marcados no pacto, mais non estamos dispostos a volver a facelo no caso de que se dese de novo unha situación similar. E é precisamente por esa responsabilidade que nos caracteriza, que facemos un chamamento aos nosos socios para revisar o pacto, pois detectamos incumprimentos e lentitude (dos que asumo a miña cuota de responsabilidade), así como un enorme descontento na base social que nos colocou no Concello, e ante a que debemos responder. Descoñecemos a clase de relación que os nosos socios teñen coa cidadanía, mais nós somos conscientes de que entre as nosas bases e a masa social de esquerdas en xeral do noso Concello (entre os que se atopan moitos militantes do PSOE), existe descontento e desexo de cambio na política que estamos a desenvolver.
Non comprendemos tampouco a relevancia que se lle dá por parte do alcalde ao noso comunicado, que non ten outra intención que axudar a mellorar ao goberno. Que non se preocupe o señor Cacabelos, pois non é a nosa intención quitarlle o sillón. Nada mais lonxe da realidade. A nosa intención é mellorar O Grove e que o traballo que está a desenvolver o goberno sirva para colmar as espectativas de quen nos apoiaron nas eleccións municipais e do conxunto da cidadanía en xeral.
Se esta visión que temos en Esquerda Unida, que pensábamos trasladala na xuntanza convocada, non é compartida polos nosos socios, a asemblea decidirá as medidas a tomar en consecuencia, nas que cabe calqueira posibilidade.
O Grove, 3 de abril de 2.009
Juan Lamelas Alfonso
Ningún comentario:
Publicar un comentario