xoves, 30 de abril de 2009

Manifesto do 1º de Maio

Como todos os anos, os traballadores neste 1º de maio, data histórica do movemento obreiro, cargada de loitas, reivindicacións e avances laborais, sae de novo á rúa para plantar cara á crise. Unha crise que non é só económica, é ecolóxica, alimentaria, enerxética e de valores. É unha crise global do sistema capitalista que esgotou o seu ciclo histórico e mostrouse incapaz de satisfacer as necesidades máis básicas do ser humano. Afúndese a concepción neoliberal da economía e do mercado como único e supremo regulador do sistema e das nosas sociedades.

A actual crise financeira internacional vén precedida dun proceso de crecemento descomunal do sector, dunha ausencia total de regulación e de rápidas e suculentas ganancias dun mercado caracterizado pola opacidade, pola especulación e polo desenfreo. O predominio absoluto do sector financeiro sobre o produtivo sen creación de riqueza real de uso social, terminou por estalar facendo crebar o sistema e arrastrando con iso a toda a economía mundial. Rebentou a burbulla financeira que veu arroxando beneficios millonarios para uns poucos mentres se creaban as maiores desigualdades sociais ao longo do planeta.
E esta crise mundial golpea con máis forza á economía española polos problemas estruturais derivados do modelo produtivo e do crecemento do noso país nas últimas décadas. A economía do ladrillo, do turismo, do consumo, do endebedamento familiar e exterior, acompañada dun mercado laboral desregulado, precario, con baixos salarios, falta de formación e seguridade leváronnos ao drama social actual. Máis de 4 millóns de parados, dos cales máis dun terzo non cobra subsidio algún, golpeando con forza a aqueles sectores máis débiles: inmigración, mocidade e mulleres. O pago das hipotecas afoga a economía das familias traballadoras. As medianas e pequenas empresas non dispón de créditos para seguir coa súa actividade económica. E os traballadores e as traballadoras senten xa a angustia dun
futuro sen emprego e sen prestacións económicas.
Ante esta situación, os voceiros e valedores do sistema capitalista, defensores sen concesións do mercado libre, diríxense agora ao Estado para que lles sufrague os seus excesos, pague as súas débedas, sanee os seus bancos para volver recuperar as altas taxas de ganancia de tempos pasados. De novo, como sempre, privatizar o beneficio, socializar as perdas.
Fálannos de refundar, de moderar, de ordenar o capitalismo, cambiando algunhas cousas para non cambiar nada e cargando as súas consecuencias sobre a clase traballadora. Oímos xa propostas que van nese sentido: flexibilizar aínda máis o mercado laboral, abaratar o despedimento, baixar impostos á patronal, ampliar a idade de xubilación ou conxelar os salarios. Nós dicímoslles, ben alto e claro, que a crise non se xerou no mercado laboral e polo tanto non imos permitir recorte algún nos dereitos laborais conquistados con tanto esforzo.
O problema é o propio capitalismo e ningunha solución perdurable pode vir del. Consideramos que a saída da crise ten que ser unha saída democrática, que beneficie á maioría da poboación e que poña en marcha a construción do socialismo do século XXI. Desde a esquerda política e sindical hai alternativas á crise, temos propostas posibles, cribles e executables no día de hoxe, debemos facelas realidade impulsando a participación dos traballadores e as traballadoras nun proceso de cambio e transformación social, con debate, organización e mobilización.
Para nós os obxectivos a curto e medio prazo pasan, entre outros, por: o impulso de emprego estable desde o sector público, crédito e banca pública, reforma fiscal progresiva, defensa de dereitos laborais históricos, maior protección do desemprego, reforzamento dos servizos públicos universais e aplicación da xornada laboral de 35 horas, sen redución salarial, artellar unha resposta contundente da clase obreira en forma de FOLGA XERAL para conquerir unha saída social e democrática da crise.
Cando se derruba a montaxe neoliberal, é o momento de reflexionar, de organizar e pasar á acción por un mundo mellor, por unha democracia económica. O cambio pasará, necesariamente, por unha participación real nos asuntos públicos e no seo das empresas. Neste 1º de maio, reafirmámonos nos valores humanos de solidariedade e xustifica social, situamos, de novo, o horizonte socialista, chamamos a toda a nosa afiliación e ao conxunto dos traballadores e traballadoras a participar activamente na festa do traballo.


VIVA A UNIDADE DA CLASE
TRABALLADORA
VIVA O 1 DE MAIO

Ningún comentario:

Publicar un comentario