Desde a Agrupación Local de Esquerda Unida, non podemos máis que expresar o noso abraio e repulsa ante a absoluta falta de responsabilidade política e lealdade ao goberno por parte do Bloque Nacionalista Galego, e en concreto do seu concelleiro Antón Mascato. Este grupo político debe aclararse: ou está no goberno, ou está na oposición. Unha cousa é certa: non se pode estar nas dúas partes.
Nas últimas semanas acudimos a unha serie de ataques que por parte do BNG se están a realizar contra Xan Lamelas, concelleiro de Esquerda Unida, minando a unidade do goberno e atacando non só a Lamelas ou á nosa organización, senón atacando e disparando contra o espírito do pacto de goberno, que foi asinado hai agora un ano. Se ao BNG lle molesta que Esquerda Unida esté no goberno, que o diga claramente, e deixe de dar lamentábeis espectáculos a través dos medios de comunicación.
Xa van varios meses nos que os nacionalistas tentan minar o Pacto de Goberno, procurando crear un goberno paralelo (o do BNG), antepoñendo os intereses partidistas aos intereses dos veciños. Esta actitude non será permitida por EU, como xa se lles fixo saber, pois o máis importante para nós é resolver os problemas do Grove, motivo polo cal formamos goberno, e non buscar réditos electorais coa única finalidade de obter máis votos para a próxima sen importar a que custo, como parece que algúns si perseguen.
Na súa nota, o señor Mascato fai referencia a unha serie de postos de traballo. Pois ben, é certo que non existe no cadro de persoal ningún animador sociocultural. A Casa de Cultura de San Vicente non ten persoal adscrito: estivo sendo cuberto durante un tempo pola única traballadora da área de xuventude. O CIPES non ten dúas persoas adscritas, senón só unha, e este centro foi pechado por desexo expreso do Concelleiro de Cultura. Van seis meses do ano, e a falta de aprovar o orzamento, non se poden cubrir a totalidade das prazas que Mascato reclama a través da prensa, pois Lamelas non pode sacar traballadores de debaixo das alfombras. Que se informe mellor o nacionalista antes de alzar a voz.
A área de persoal é unha das que máis tempo e dedicación precisan para atendela. O noso concelleiro adica a meirande parte do tempo que ten dispoñíbel a elo, pois non goza de liberación algunha, como si a teñen outros que gustan de viaxar. Cando un compañeiro de goberno ten dificultades, o normal sería botarlle unha man, pero non ao pescozo, o normal sería tentar axudar para que as cousas se solucionen, e non montar broncas e faltar ao respeto aos compañeiros.
Tras esta serie de incidentes, o BNG puxo ao goberno nunha situación de crise, actuando sen responsabilidade e violando o asinado por eles no Pacto. Os veciños non merecen un goberno así, senón un goberno serio, firme, con unidade de acción e os obxectivos claros.
19 de xuño de 2.008Agrupación Local de Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario