domingo, 20 de abril de 2008

Esquerda Unida defende unha xestión pública e eficaz do servizo municipal de limpeza

Varredor
Desde a Agrupación Local de Esquerda Unida de O Grove, queremos amosar unha vez máis o noso rexeitamento á medida proposta polo Partido Galeguista de externalizar o servizo de limpeza e recollida de lixo no noso Concello. Entendemos que a obriga da administración pública municipal é ofrecer servizos aos cidadáns, e a limpeza é fundamental, e que estos servizos deben ser o mellor posíbeis. Polo tanto, estamos de acordo en que hai que mellorar a limpeza do noso Concello, é algo que salta á vista, mais discrepamos no xeito de facer isto que se nos propón.

Non coincidimos no que se nos di en que o servizo externalizado (privatizado) vaia ser máis barato que mediante a xestión pública do mesmo, pois a empresa que vaia a xestionalo obterá desta acción un benefi cio, como é lóxico, polo que a taxa que pagaríamos os veciños e veciñas de O Grove iría en parte a xerar un beneficio privado, en vez de ir totalmente a costear a prestación do servizo de limpeza e recollida de lixo. Todos sabemos por que estas empresas ofrecen menores custos, e é que no seu afán de maximizar benefi cios, reducen os salarios e as condicións laborais dos seus traballadores, o que implicaría que desde unha administración pública como é o Concello, estaríase fomentando a creación de emprego precario, o que implica un custo social, empeorando a calidade de vida destos traballadores, cando ao que debemos tender desde a administración local é a tentar mellorar desde as nosas competencias as condicións laborais e salarias de todos os veciños e veciñas do noso Concello. A isto podemos sumar a confl itividade laboral que se dá nos concellos onde se optou por este tipo de medidas en forma de folgas e mobilizacións obreiras, medidas extraordinarias que toman os traballadores para mellorar as súas condicións e que repercuten negativamente na calidade de vida dos cidadáns.
No pasado mandato, ante a evidente precarización das nosas vidas que se está a dar en todos os ámbitos, e que mocidade e mulleres sofren en maior medida, Esquerda Unida presentou ao Pleno do Concello unha moción en contra da precariedade, que foi aprovada por unanimidade, incluído Francisco Pérez “ Katelo ”, membro do Partido Galeguista. Entendemos ademais, que un goberno que pretende ser de progreso, non pode optar por medidas privatizadoras dos servizos que ten que ofrecer á cidadanía, senón que ten que tentar desde a xestión pública dos mesmos, melloralos e amplialos para dar solución ás demandas veciñais.
Desde Esquerda Unida propoñemos a creación do servizo de limpeza viaria, do cal carezemos no Grove, e a dotación do mesmo dos medios necesarios, tanto materiais como de persoal, para unha prestación do mesmo merecida polos veciños, así como que se tomen medidas para mellorar no posíbel o servizo de recollida de lixo. Nestes aspectos, deberemos contar coa administración autonómica para poder obter os recursos necesarios, sobre todo tendo en conta o carácter turístico do noso Concello. Asimesmo, deberemos contar tamén cos traballadores do servizo, quen mellor que ninguén o coñecen, escoitar as súas propostas e levar adiante as que ao entender do Goberno Municipal sexan positivas e viábeis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario