18 marzo 2026

Esquerda Unida denuncia o deterioro das rúas peonís e reclama un plan integral de mantemento e renovación do firme para garantir a seguridade dos viandantes

A formación alerta do aumento de baldosas rotas e levantadas en varias rúas do municipio e advirte das numerosas caídas de persoas, especialmente maiores. Denuncian a falta de control do tráfico en zonas pensadas para uso peonil e residencial. 

Propoñen un plan anual de mantemento, revisión continua do pavimento e a substitución progresiva do embaldosado por materiais máis duradeiros. Piden a posta en marcha da app “O Meu Concello” para facilitar avisos veciñais sobre incidencias.

O Grove, 18 de marzo de 2026.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de denunciar o preocupante estado de conservación de numerosas rúas peonís e semipeonís do municipio, nas que se poden atopar baldosas levantadas, rotas ou afundidas que supoñen un risco evidente para a seguridade dos viandantes. 

Segundo sinala a formación, nos últimos anos esta problemática non deixou de medrar, afectando cada vez a máis rúas do municipio e aumentando tamén o número de incidencias relacionadas co pavimento en mal estado. Entre as zonas nas que se teñen detectado problemas destacan rúas como Montiño de Abaixo, Concepción Arenal, Luís Seoane, Pratería, Peralto, Corgo, Jaime Solá, Rapeta, Outeiriño, Campiño, entre outras. 

Unha situación que, indican, é consecuencia da falta de mantemento e, en moitos casos, tamén do tránsito continuo de vehículos sen control en zonas deseñadas unicamente para o paso de residentes, o que acelera o deterioro do pavimento e evidencia anos de inacción por parte do goberno municipal. 

Dende Esquerda Unida lembran que o mantemento adecuado das rúas é unha responsabilidade básica municipal e unha cuestión fundamental de seguridade e accesibilidade. Nos últimos meses rexistráronse numerosas caídas provocadas polo mal estado do pavimento, unha situación que preocupa especialmente no caso das persoas maiores, persoas con mobilidade reducida e familias con carriños de bebé. En moitos destes casos, sinalan, os accidentes rematan incluso en denuncias contra o propio Concello. 

O voceiro municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, sinalou que “levamos varios anos advertindo deste problema sen que o goberno municipal adopte medidas estruturais para solucionalo”. Segundo explica, “o problema non é puntual, senón estrutural, e está directamente relacionado coa falta de control do tráfico e coa ausencia dun plan de mantemento serio”. Neste sentido, engadiu que “non ten sentido permitir o paso continuo de vehículos en rúas que non están preparadas para soportalo”. 

Ademais, dende a formación subliñan que en moitas destas rúas as reparacións puntuais xa non son suficientes, debido ao avanzado estado de deterioro do pavimento. Por iso, xa teñen solicitado en anteriores ocasións que se estude a posibilidade de substituír o embaldosado por outro tipo de firme máis duradeiro, seguro e adaptado ao uso real destas vías. 

Esquerda Unida reclama a posta en marcha dun plan anual de mantemento das rúas peonís e semipeonís, que permita actuar de maneira planificada e preventiva sobre o pavimento. A formación considera tamén imprescindible establecer un sistema de revisión continua que permita detectar e reparar con rapidez as incidencias antes de que se convertan nun perigo para a veciñanza. 

Así mesmo, o grupo municipal propón habilitar un sistema de aviso veciñal para comunicar incidencias no espazo público. Neste sentido, lembran que a Deputación puxo a disposición dos concellos hai máis dun ano a aplicación móbil O Meu Concello, unha ferramenta que permitiría á cidadanía informar directamente de problemas como baldosas rotas, luminarias avariadas ou deficiencias no mobiliario urbano. 

“Estamos ante un problema que vai a máis porque non se actúa con planificación. Cada vez hai máis rúas afectadas e máis baldosas en mal estado, o que incrementa o risco para a veciñanza”, advertiu Otero. 

Dende Esquerda Unida aseguran que estas medidas forman parte das propostas que a formación impulsará se ten responsabilidades de goberno. “É necesario cambiar a forma de xestionar o espazo público, menos improvisación e máis planificación, mantemento e prevención”. “Un Concello ten que coidar o seu espazo público e garantir a seguridade da veciñanza. Un plan de mantemento serio, revisión continua e participación da cidadanía na detección de problemas son ferramentas básicas dunha boa xestión municipal”, conclúe o voceiro. 

Mentres tanto, a formación insta ao goberno municipal a deixar de mirar para outro lado e a actuar con responsabilidade, poñendo en marcha de maneira inmediata medidas que permitan solucionar unha problemática que, insisten, leva anos acumulándose sen unha resposta eficaz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario