
O Grove, 23 de outubro de 2023 – O Grupo Municipal de
Esquerda Unida elevará ao pleno do mes de outubro unha moción co obxectivo de
facer que as festas no Concello do Grove sexan máis inclusivas, especialmente
para aqueles que padecen o Trastorno do Espectro Autista (TEA).
A moción propón a creación de dúas horas sen música durante as
festas populares e eventos que conteñan atraccións de feira, co fin de
proporcionar un ambiente máis adecuado para as persoas con TEA e outras
sensibilidades sensoriais. Esta iniciativa tamén busca mellorar a experiencia
de todas as persoas que poidan atopar os niveis de ruído abrumadores durante os
eventos festivos.
O Trastorno do Espectro Autista afecta aproximadamente ao 1% da
poboación mundial, e en España hai máis de 450.000 persoas con TEA. En Galicia,
calcúlase que hai aproximadamente 27.000 persoas con TEA, das cales 1.323 son
estudantes de 3 a 18 anos. Aínda que non hai datos específicos sobre o número
de habitantes do Grove con TEA, esta condición é prevalente en todas as
comunidades.
Nas pasadas Festas do Carme, xa se realizou un primeiro intento
para facilitar a participación das persoas con TEA nas atraccións de feira,
reservando unha hora sen música. Non obstante, Esquerda Unida considera que
este paso é insuficiente e propón ampliar a duración a dúas horas, así como
establecer a medida como norma no Concello.
A moción tamén insta ao Concello a informar á cidadanía a través
de canles oficiais sobre a existencia destas dúas horas sen música nas
atraccións durante as festas e a realizar un seguimento e avaliación da
implementación desta medida para facer as melloras necesarias en futuras
edicións das festas.
O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero González agarda
que esta moción conte co apoio do pleno para lograr unha maior inclusión e accesibilidade
nas festas do Concello do Grove.
Decargar moción Completa
MOCIÓN
PARA A INCLUSIÓN DE HORAS SEN MÚSICA NAS ATRACCIÓNS DE FEIRA DURANTE AS
FESTAS NO CONCELLO DO GROVE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Trastorno do
Espectro Autista (TEA) é unha condición que afecta a moitas persoas na nosa
sociedade. As persoas con TEA poden experimentar sensibilidade extrema a
estímulos sensoriais, como o son, que pode resultar abrumador e causar
angustia. Isto pode limitar a súa capacidade para participar e desfrutar de
eventos comunitarios como as nosas festas populares.
Segundo estudos
recentes, o TEA afecta aproximadamente ao 1% da poboación mundial e calcúlase
que en España hai máis de 450.000 persoas con este tipo de trastorno, o que
supón que 1,5 millóns de persoas estean vinculadas ao TEA tendo en conta aos
seus familiares. O cálculo en Galicia sitúa a cifra nunhas 27.000 persoas con
TEA e segundo un informe de 2020 da Confederación de Autismo de España, na nosa
comunidade, hai 1.323 estudantes (de 3 a 18 anos) diagnosticados con algún dos
graos de autismo. Aínda que non dispoñamos de datos específicos sobre o número
de habitantes do Grove con TEA, sabemos que esta condición é prevalente en
todas as comunidades.
Nas pasadas
Festas do Carme, no noso concello deuse un paso adiante en canto a medidas para
que as persoas con TEA puidesen gozar das atraccións coa reserva dunha hora sen
música. O certo é que non todos os días se cumpriu co acometido polo que a
pesar de ser un paso, dende Esquerda Unida considerámolo insuficiente. É por
iso que entendemos preciso que esta medida se vexa ampliada a dúas horas e que
quede instaurada como norma no noso Concello.
Esta proposta
non só beneficiará ás persoas con TEA, senón tamén a calquera persoa que poida
atopar os niveis de ruído das festas populares abrumadores. É un pequeno cambio
que pode facer unha gran diferenza na vida das persoas afectadas,
permitíndolles sentirse máis incluídas na nosa comunidade.
Por todo o
anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á
consideración do pleno a aprobación da seguinte,
PROPOSTA
DE ACORDO
Instar ao Concello do Grove a:
1.
Comprometerse a promover a inclusión das
persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) nas festas populares,
garantindo un ambiente máis adecuado para elas.
2.
Que se reserve un
período de dúas horas, en horarios estratéxicos, durante cada día de festas
populares ou eventos que conten con atraccións de feira, no que estas operen sen
música. Este “Período Sen Ruído” permitirá ás persoas con TEA e outras
sensibilidades sensoriais desfrutar das festas e as atraccións do mesmo modo
que o resto.
3.
Que esta disposición
se inclúa como norma na ordenanza municipal correspondente, garantindo así a
súa implementación en todas as futuras festas populares e eventos que conten
con atraccións no Grove. Namentres isto non teña acontecido, instarase as
comisións e/ou organizadores das festas a aplicala de igual modo.
4.
Informar á cidadanía a través de canles
oficiais sobre a existencia destas dúas horas sen música nas atraccións durante
as festas.
5.
Realizar un seguimento e avaliación da
implementación desta medida, co obxectivo de realizar as melloras necesarias en
futuras edicións das festas.