Ana Cristina Domínguez proporá ao CLI que traballe na elaboración dun informe que inste ao goberno a iluminar as zonas que poidan resultar intimidatorias para as mulleres que fan eses percorridos soas.
O Grove, 02 de maio de 2022.- En maio de 2018, o pleno aprobou unha serie de medidas de prevención para as mulleres, entre elas a eliminación de puntos negros/escuros no Concello do Grove. Iso é, iluminar as rúas, camiños e lugares frecuentados pola veciñanza que, ao carecer dunha boa iluminación, fanse perigosos ou intimidatorios para os viandantes, sobre todo os do xénero feminino.
Pois ben, segundo indican dende Esquerda Unida, a pesares de ter reclamado o cumprimento dese punto en numerosas ocasións e de pedir a iluminación de sitios concretos en diferentes plenos, o goberno non fixo nada dende aquela. "No Grove existen moitos espazos que, por unhas razóns ou outras, non se atopan iluminadas. Rúas, camiños, curruchos,.. Traxectos polos que a diario transitan mulleres, ben sexa para ir traballar, aos recados ou simplemente para pasear. Percorridos que en ocasións provocan que esas mulleres o realicen con medo debido á falta de iluminación", indica a responsable da Área de Muller, Ana Cristina Domínguez.
É por iso que, cansos de pedilo en pleno, a esquerdista, levará o tema ao Consello Local da Igualdade de mañá martes, procurando a implicación do órgano sectorial na detección deses puntos e co resultado, elaborar un informe que inste ao goberno municipal a poñer fin a esa escuridade na rúa dando así unha maior seguridade para as mulleres do Grove.
Ningún comentario:
Publicar un comentario