sábado, 20 de novembro de 2021

EU tacha de desdén o trato do goberno municipal ao deporte local

 

Os esquerdistas seguen agardando polas repostas ás preguntas realizadas no último pleno. Entenden que a renuncia da técnica de Deportes provoca unha parálise no departamento que vai afectar ao reparto das subvencións.

Logo de reunirse coa ADM, Esquerda Unida considera que o Concelleiro de Deportes menospreza aos clubs deportivos, mentiulles no orzamento e provócalles dificultades económicas ao publicar as bases das subvencións no último trimestre, polo que piden un “cambio de actitude cara o deporte local ou que presente a súa dimisión”

O Grove, 20 de novembro de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida considera que o goberno municipal actúa cos clubs deportivos con un total menosprezo, indiferenza e desconsideración, e que o Concelleiro de Deportes mostra unha falta de interese e desidia co deporte local.

A principios deste mes de novembro, a Asociación do Deporte Meco (ADM) denunciaba publicamente o seu malestar polo incumprimento dos acordos cos clubs deportivos, polo recorte nas subvencións deportivas e pola falta de diálogo e compromiso do executivo.

O grupo municipal de Esquerda Unida, que xa ten interpelado en numerosas ocasións sobre asuntos relacionados do deporte, fíxose eco das críticas da ADM e, a través do seu voceiro, José Antonio Otero, no pleno do pasado día 2, criticaron novamente a redución das subvencións deportivas –xa o fixeran no debate dos orzamentos– e preguntaron o motivo polo que se publicaron as bases, por segundo ano consecutivo, no derradeiro trimestre do ano, cando o habitual era facelo no primeiro ou segundo. Para Otero este retraso na publicación leva ás directivas a “ter que apurar o seu traballo, ante o axustado dos tempos, pero sobre todo, provoca que os clubs non conten con efectivo, cando máis o precisan, máxime logo dunha pandemia na que os ingresos publicitarios se viron reducidos drasticamente”.

Así mesmo, o voceiro esquerdista interesouse polas consecuencias que causaría a renuncia da Técnica de Deportes e preguntou se se estaba traballando para cubrir o máis axiña posible a praza, pois entende que “é preciso contar con persoal para traballar no día a día do deporte local, pero sobre todo para resolver os trámites das subvencións”.

Os esquerdistas recordan que o Concelleiro de Deportes non dou resposta a ningunha das cuestións e afirmou que daría debida conta das mesmas a través do correo electrónico. Máis de 15 días despois, Otero indica que “non recibimos tal correo, nin sequera unha chamada para darnos as explicacións oportunas, o que demostra unha falta de respecto absoluto cara os membros da oposición e a indiferenza que lle causa ao concelleiro as nosas preocupacións, que non deixan de ser as dos propios clubs”.

Otero afirma que “esa falta de respecto e indiferenza que ten con nós, tamén a ten cos clubs deportivos”, pois así llo trasladaron as directivas das entidades pertencentes a ADM, cos que Esquerda Unida se reuniu unha semana despois do pleno. Nesa xuntanza, trasladaron aos esquerdistas as problemáticas coas que se atopan ao retrasarse tanto o reparto das subvencións pois, segundo lles relataron, chegan moi tarde, cos tempos moi xustos e con novas modificacións que afectan considerablemente ás xustificacións.

Segundo Otero, “os  clubs criticaron as actitudes e desconsideración do Concelleiro de Deportes xa que, ademais de non cumprir co compromiso de recuperar a partida orzamentaria reducida no 2020, mostrou unha falta de diálogo e negociación para tratar as bases das subvencións”, pero o máis grave para o esquerdista, e que ”polo que nos din, tampouco atende á petición de xuntanzas que a ADM ten formulado en varias ocasións”. Unha actitude que sorprende aos esquerdistas pois “agardabamos obter dos clubs as respostas que non tivemos no pleno, e resultou que eles buscaban esas respostas en nós, agardando que nos tivera respondido por e-mail como prometera”, sentenza Otero.

Tamén houbo críticas polo estado en que se atopan moitas das instalacións deportivas do municipio, “polo visto as canastras do pavillón de Conmeniño non se poden utilizar e na cantina do Campo de fútbol de Lampáns entra auga” indica Otero, que tamén denuncia o retraso da obra de adaptación do club de Remo Mecos, “que tiña que estar rematada hai máis dun ano e que está a ocasionar problemas aos directivos e deportistas do club”.

Deste modo, Esquerda Unida quere denunciar este desdén aos clubs e esixe ao Concelleiro de Deportes “respostas e un cambio de actitude cara o deporte local e se non está capacitado para facer ben o seu traballo que presente a súa dimisión”.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario