sábado, 25 de xullo de 2020

UN NOVO ESTATUTO PARA BLINDAR DEREITOS E PROTECCIÓN SOCIAL

MANIFESTO 25 DE XULLO


Celebramos este 25 de xullo, día nacional de Galicia, coa firmeza e compromiso dos homes e mulleres de Esquerda Unida de ser parte decidida na loita contra os aspectos máis lesivos da crise sanitaria da COVID-19 e coa solidariedade e afecto ás persoas enfermas, a lembranza das falecidas e o agarimo ás familias, aos e ás profesionais sanitarias, dos servizos públicos e colectivos que foron vangarda na exemplar loita do noso país contra esta pandemia. Vaia o noso agradecemento e recoñecemento sincero.

Esta situación nova e imprevista, pero sobre todo as súas consecuencias e agravamento das desigualdades sociais xa existentes, obriga a repensar profundamente o noso marco político e institucional, obriga a vencellar a acción política e a normativa ao obxectivo de blindar servizos públicos esenciais, como un ben común que se convirte en faro e esperanza especialmente en momentos como este. E para blindalos hai que partir esencialmente de grandes consensos e audacia normativa. Un marco que en sociedades avanzadas artéllase en grande parte nos marcos constitucionais ou estatutarios.

É por iso que Esquerda Unida quere, neste 25 de xullo, recuperar a vella e non tan vella proposta de avanzar nos consensos que permitan a adaptación do estatuto de autonomía de Galicia a un marco xurídico de blindaxe e garantía dunha sociedade galega con dereitos e con servizos públicos garantidos. Un debate que estivo presente na axenda política de lexislaturas pasadas pero quedou posteriormente conxelado. Un debate que, ao noso entender, suporía que Galicia asumise o seu papel na construción dun Estado Federal sen privilexios entre as Comunidades Autónomas do Estado.

A primeira afirmación política que debemos de facer no debate e reflexión aberta sobre a Reforma do Estatuto, é que esta nin será acertada nin correcta se ao mesmo tempo non se impulsan as Reformas do título III e VIII (Das Cortes Xerais e Da Organización Territorial do Estado) da actual Constitución e se asume a necesidade de camiñar cara a construción do Estado Federal e solidario e o noso papel en Europa.

O noso Estatuto conquistouse pola vía rápida do artigo 151 da Constitución, polo antecedente do Estatuto aprobado maioritariamente en referendo en 1936. Esquerda Unida sigue a defender a necesidade de actualizar e adecuar aos novos tempos os Estatutos de Autonomía, acelerando en primeiro lugar o traspaso de competencias pendentes e incorporando as novas realidades emerxidas con posterioridade á súa aprobación.

Levamos moitos anos desde a aprobación do actual Estatuto de claro estancamento social pola aplicación de políticas conservadoras que impediron o avance na constitución nacional solidaria. Son anos perdidos de limitación da autonomía, nos que primou a simple xestión sobre a capacidade e potencialidade política real da sociedade galega, moitas veces limitándose a por en marcha as políticas da Unión Europea. Despois de case 40 anos aínda quedan pendentes importantes transferencias competenciais e infraestruturas estratéxicas do Estado a Galicia.

É evidente que todos os indicadores de emprego, de nivel de renda, de desequilibrios comarcais, de nivel de converxencia real, etc., demostran que aínda tendo medrado cuantitativamente, estamos aínda moi lonxe de acadar os niveis e obxectivos desexados. Cualitativamente, o modelo de desenvolvemento non se baseou na transformación senón que se seguiron patróns neoliberais.

O proxecto de Esquerda Unida avanza cara a construción dun modelo de Estado Federal, solidario e cooperativo, no marco dunha Europa Federal e Social. Partido Comunista de Galicia xogou un papel protagonista na defensa do Estatuto de Autonomía do ano 1936, cuxa aprobación permitiu a Galicia acadar o seu Estatuto de Autonomía de 1981 pola chamada “vía rápida” do artigo 151 da ConstituciónO PCG xogou un papel decisivo no actual Estatuto do que, ademais de ser redactor, foi un dos principais impulsores a través das mobilizacións que o demandaban.

Pero, anos despois destes importantes consensos, actualmente prodúcense unha serie de incumprimentos dos principios que marca o Estatuto ou tamén de carencias importantes nos seus artigos, entre outros, nos seguintes eidos:

1.- Acadar o pleno emprego..
2.- Aproveitar os recursos endóxenos de Galicia
3.- Superar os desequilibrios económicos e sociais entre distintos territorios de Galicia fomentando a solidariedade, fundamentalmente entre o ámbito rural e o urbano.
4.- Superar a emigración, posibilitar o retorno dos emigrantes e facilitar a integración dos inmigrantes.
5.- Efectividade da igualdade home-muller.
6.- Afianzar a identidade galega mediante a investigación, os valores históricos, culturais e lingüísticos galegos.

Esquerda Unida recollendo o legado do Partido Comunista de Galicia e as aspiracións do pobo galego manifestadas nestes últimos anos, aposta por profundar no autogoberno reformando o Estatuto, garantindo a cohesión e acometendo desafíos que están identificados (emprego, desigualdade, pobreza, inmigración, ...) encarando así, ademais, cun mellor instrumento e en mellores condicións os novos retos do futuro.

O modelo de Estado que propugnamos, a Reforma do Estatuto que pretendemos, constitúe un instrumento ao servizo do obxectivo primordial dunha Galicia sen desigualdades, cunha cidadanía plena, libre, responsable do seu destino, activa, que delibera e participa nas súas institucións e decide o seu futuro.

O mundo está asistindo a cambios espectaculares, con novas realidades como son a integración e ampliación europea, o Tratado constitucional europeo, o fenómeno da inmigración, os efectos perniciosos da globalización neoliberal, as novas demandas sociais, o nivel de esixencia ética aos representantes públicos nas Institucións, a calidade democrática, a estrutura territorial do Estado, a garantía no cumprimento dos dereitos humanos, os temas medioambientais e ecolóxicos, etc., son todos eles aspectos que deben inspirar as reformas para un novo Estatuto e un novo ordenamento constitucional.

O debate sobre a reforma non pode quedar reducido só ao ámbito parlamentario ou político; debe de contar cunha ampla participación e implicación social (axentes sociais, colectivos e profesionais, sectores profesionais, universidade, Institucións locais, ...). O proceso de reforma do Estatuto debe ser aberto e abarcar amplos e diversos sectores da sociedade, sen exclusións.

A apertura do debate político e social, a aspiración a conseguir un amplo consenso, debe afundir as súas raíces no pobo, as súas institucións e organizacións sociais. Por elo, apostamos por un proceso de escoita á sociedade, de respecto a todas as opinións, sen ningún tipo de vetos ou recortes. Debe perseguirse que a sociedade galega vexa a reforma como un instrumento útil, positivo e necesario.

Polo exposto, Esquerda Unida, neste 25 de xullo chama ás forzas políticas galegas a avanzar na ampliación do poder institucional de Galicia, a blindar e atender as demandas sociais da maioría social galega, a descentralizar política e administrativamente tamén cara os concellos galegos, e a avanzar na construción do Estado Federal e Solidario. En definitiva, a pular por unha reforma do Estatuto de Galicia para alcanzar máis autogoberno, máis poder galego, para máis dereitos sociais e democracia. Galicia como garantía do equilibrio federal do Estado.
  
Compostela 25 de xullo de 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario