José Antonio Otero
mostrou a súa oposición por non terse negociado e por non contemplar nos
investimentos partida algunha destinada ao cambio da tubaxe de subministro de
auga ata o concello grovense.
Os esquerdistas non
entenden que Cacabelos, logo de queixarse continuamente polos problemas
derivados das rupturas no tramo da Lanzada, non forzase á Mancomunidade para
incluír partida algunha, namentres lle reclama a súa parte á Xunta de Galicia.
O Grove, 19 de maio
de 2020.-
No día de onte tivo lugar o pleno da Xunta Xeral da Mancomunidade onde, entre
outros asuntos, se trataron os Orzamentos para o 2020. O representante de
Esquerda Unida e voceiro do Grupo Municipal esquerdista no Concello do Grove,
foi o único membro da Mancomunidade que votou en contra dos Orzamentos. Otero
xustificou a súa oposición ás contas para o 2020 por non terse negociado co seu
grupo, pois recibiron a documentación días previos á convocatoria con todo xa
pechado.
Así
mesmo, dende as filas de Esquerda Unida O Grove, non entenden que no apartado
de investimentos non figure partida algunha destinada á substitución da tubaxe
que subministra a auga potable ao concello grovense e que se atopa nun estado
de deterioro, sobre todo no tramo que transcorre dende Vilalonga ao Grove, xa
que se atopa soterrada baixo o mar, e que no seu paso pola Lanzada sufriu
numerosas rupturas, as dúas últimas durante o estado de Alerta Sanitaria.
Para
os esquerdistas, é incomprensible que, “coas numerosas rupturas que leva
sufrindo a tubaxe no tramo de entrada no Grove e as continuas reclamacións que
Cacabelos ten realizado para que se acometa a substitución, non fixese forza
para que os orzamentos da Mancomunidade incluísen esta demanda, máxime cando
son os do seu partido os que dirixen o ente supramunicipal e sobre todo logo de
ter anunciado a principios de maio que ía solicitarlle á Mancomunidade o
financiamento para a nova tubaxe (A propia web da mancomunidade recolle a
noticia)”.
Por
outro lado, o representante de Esquerda Unida tamén mostrou a súa desconformidade
con que o Obradoiro de Hostalería continúe en Sanxenxo e non regrese a O Grove.
Así o transmitiu Otero absténdose no punto no que se solicitaba a subvención
para este obradoiro, deixando constar esa protesta en acta. Esta é outra das
cuestións que non entenden en Esquerda Unida, “que o Alcalde do Grove non faga
forza para este fin é incomprensible, pois no 2016, cando a Mancomunidade
dirixida por Durán decidira retirarlle o obradoiro a O Grove para darllo a
Sanxenxo, foi o propio Cacabelos quen puxo o grito no ceo e tachando o cambio a
unha decisión simplemente política”. “Agora que ten a oportunidade de facer
xustiza e devolver a O Grove o que lle pertence nin se lle oe neste asunto”
indica Otero.
É
por iso que o voceiro esquerdista considera que “Cacabelos demostra unha vez
máis a súa forma de actuar, non respondendo ás necesidades do noso Concello e
si ás do partido, como ven acostumando con continuos enfrontamentos coas
administracións que non son da súa cor política, pois nunca o veremos enfrontarse
á Mancomunidade e a Deputación de Pontevedra, pero si con calquera
administración da Xunta de Galicia ou co propio ente autonómico”. “E demóstrao
nestes momentos, cando trala última ruptura da tubaxe, o pasado 2 de maio, saíu
nos medios de comunicación culpando á Xunta e anunciando que pediría á
Mancomunidade que buscase de maneira urxente o financiamento para acometer a
obra, pero á hora da realidade votou a favor dos orzamentos para este 2020 a
pesar de non contar con esa partida”, sentenza Otero.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario