Beirado dunha vivenda da rúa Entrehortas danado por un vehículo. Foto: @EUOGrove |
O Grupo Municipal de Esquerda Unida volve
reclamar unha actuación na rúa que une Conricado coa Luís Antonio Mestre para
mellorar a seguridade dos viandantes.
Advirten de que están circulando vehículos
que superan as medidas da rúa, provocando danos continuos nas vivendas alí
existentes e piden que cando menos se instale un sinal indicando as medidas
máxima do vial para evitar esta situación.
O Grove, 19 de agosto de 2019.- Co peche do tramo da rúa Castelao ao tránsito de vehículos no ano 2017 e a
habilitación do aparcamento en Entrehortas, a rúa que transita dende Conricado
ata Luís Antonio Mestre sufriu un aumento de tráfico que se ve agravado nas
épocas de afluencia turística. Unha circunstancia que, segundo indican dende
Esquerda Unida, está a provocar unha gran inseguridade para a veciñanza e
viandantes pois “a rúa é estreita e non cumpre coas medidas precisas para a
convivencia de vehículos e peóns”. Isto xa foi advertido en varias ocasións
polos concelleiros esquerdistas no anterior mandato, que solicitaron unha
actuación urxente nesa zona, a cal non foi atendida polo goberno, a tenor do
que agora denuncian dende as filas esquerdistas. E é que dende a formación
liderada por José Antonio Otero, indican que a situación agrávase cando por
esta rúa circulan vehículos de maior tamaño que o que a priori permite a
casuística da vía, provocando que moitos queden atrapados no seu traxecto e
incluso, como sucedeu estes días, causen danos nos beirados das vivendas alí
situadas.
Unha situación que Esquerda Unida indica
se repite cada certo tempo, “pois como non existe ningunha sinalización
advertindo do ancho e alto máximo da vía, métese todo o mundo, sexa para ir ao
aparcamento de Entrehortas ou para regresar á rúa principal”. Na última semana
foron as veciñas e veciños os que tiveron que mediar para evitar que as tellas
dunha vivenda chegasen a caer sobre vehículos e viandantes logo de que un
camión, que superaba as medidas da rúa, danara a fachada dunha das vivendas alí
situadas. “Polo que nos di a veciñanza, isto sucede continuamente dende que se
pechou a Catorse e evitaríase cun simple sinal” indican dende Esquerda Unida.
É por iso, que os concelleiros de Esquerda
Unida, José Antonio Otero e Cristina Domínguez, pediron por rexistro que o
concello actúe canto antes para dar maior seguridade á rúa de Entrehortas e aos
seus viandantes e que, como medida urxente, se instalen sinais indicadores das
medidas máximas para a circulación de vehículos por este tramo que evite que
queden atoados ou causen danos ás vivendas.
Gabinete de Prensa
Esquerda
Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario