domingo, 28 de xullo de 2019

Esquerda Unida mostra a súa preocupación pola falta de compromiso do goberno municipal coa problemática da violencia machista




Os esquerdistas critican que non se reunira aínda o Consello Local de Igualdade e que no noso concello non se convocase ningunha concentración de rexeite ao asasinato machista de Vilalba (Lugo).

Tamén se mostras críticos ante o anuncio da posta en marcha dun punto morado con persoal cualificado durante as festas do Carme cando “a realidade é que se reduciu a unha mesa informativa con monitores que non recibiron ningún tipo de formación en igualdade”.

O Grove, 27 de xullo de 2019.- Os acontecementos do último mes en relación a violencia machista deixa con seria preocupación ao colectivo local de Esquerda Unida, que critica que dende a conformación do “goberno continuísta do PSOE aínda non se teña convocado ningún consello Local da Igualdade, máxime cando houbo dúas convocatorias estatais de concentracións de rexeite ante actos de violencia machista e a organización dun punto morado durante as Festas do Carme”.

Os esquerdistas indican que “o pasado 8 de xullo convocouse unha concentración en todos os concellos de España como mostra de apoio á vítima da Jauría (a manada de Manresa). Namentres a maioría dos concellos a realizaban ás oito ou nove da tarde, no Grove convocábase para as seis, avisando con menos de seis horas de antelación, unicamente a través das redes sociais e sen informar ás representantes do Consello Local da Igualdade, conseguindo que a afluencia de participantes fose a máis escasa ata o momento”.

“Esta semana, asistimos a un novo caso de asasinato machista, esta vez en Vilalba (Lugo), e tamén se realizaron convocatorias de concentración de rexeite na maioría dos pobos de Galiza, pero no Grove non se fixo nada, polo que nos parece preocupante” sentencian dende Esquerda Unida que tamén consideran que “cando menos no anterior mandato, existía un maior compromiso e contábase con todos os colectivos implicados no CLI”.

Esquerda Unida tamén tacha de “ineptitude e falta de respecto” a actitude do goberno no referente aos puntos morados, pois consideran que se “burlaron” do seu grupo municipal e das veciñas do Grove, ao anunciar un punto morado con persoal cualificado, a raíz da súa solicitude, cando logo “o que realmente puxeron foi unha simple mesa con monitores repartindo folletos e sen ningún tipo de coñecemento dos protocolos a seguir ante un caso de violencia machista”.

Namentres en concellos como Cambados, onde por segundo ano se instalará un punto morado durante a Festa do Albariño, é primordial realizar un curso de 4 horas sobre igualdade para participar como voluntaria no punto morado, Esquerda Unida indica que no Grove “enviouse a monitores do campamento de verán sen ningún tipo de preparación relacionada coa violencia machista e o peor de todo é que anunciaron, tanto dende o concello como da deputación, que o punto grovense contaría con persoal cualificado tal e como se establece”. “A realidade é que non houbo tal persoal” indican os esquerdistas que á vez preguntan “Que pasaría se se dese un caso de violencia machista durante as Festas do Carme e a persoa acudise a esta mesa pensando que podería ser atendida?”.

Esquerda Unida recorda que a propia subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, instaba o ano pasado a todos os concellos á instalación de puntos morados en todas as festas e eventos con afluencia e a propia Deputación de Pontevedra establece que estes puntos deben contar como mínimo con Técnicos/as de Igualdade amais de persoal con un mínimo de preparación.

Para a agrupación esquerdista “isto demostra que o goberno local, e a concellería de igualdade en concreto, actuaron a salto de mata, e instalaron unha mesa informativa dicindo que era un punto morado regulado para cumprir co expediente logo de que o noso grupo municipal instase á súa posta en marcha tal e como manda a moción aprobada en maio do 2018”.

Por ese motivo, o grupo esquerdista pide responsabilidade ao concello e á concellería de igualdade e que cumpran co seu traballo para loitar contra a lacra do machismo, que o fagan contando coas persoas que forman parte do Consello Local da Igualdade, do Centro de Información á Muller e cos grupos municipais, “pois só entre todas lograremos avanzar”.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario