A formación reclama a adopción das medidas oportunas ante o acto convocado por Cacabelos para facer propaganda da xestión municipal
O Grove, 25 de abril de 2019.- Esquerda Unida ven de presentar ante a Xunta Electoral de Zona de Cambados unha reclamación polo uso electoralista das institucións municipais que pretende realizar o PSOE. A formación denuncia que o goberno local socialista empregue o Concello como un instrumento de propaganda. E reclama a adopción das medidas oportunas ante a convocatoria dun acto co que o alcalde está a saltar de xeito obvio e descarado o Réxime Electoral Xeral.
Esquerda Unida solicita que a Xunta Electoral actúe ante a charla anunciada polo alcalde para falar do PXOM, o auditorio e o centro de día. A formación denuncia un evento co que o goberno de Jose Cacabelos incumpre o artigo 50.2 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, de Réxime Electoral Xeral. Punto onde se indica textualmente que “desde a convocatoria das eleccións e ata a celebración das mesmas queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusión ás realización ou logros obtidos”.
Habida conta de que a convocatoria de eleccións foi publicada no BOE o pasado 2 de abril, Esqueda Unida denuncia que o PSOE pretenda saltar a lei nalgo tan obvio e de xeito descarado. “Se con isto actúa deste xeito, que non se terá feito na opacidade do despacho do alcalde, por onde Cacabelos mandou desfilar a todo veciño preocupado polo PXOM”, critica a formación.
EU entende que a nomeada charla non é outra cousa que un mitin con intencións electoralistas. Un acto co que o PSOE pon de manifesto a súa visión das institucións como un instrumento que empregar en beneficio propio en lugar de ao servizo da veciñanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario