A responsable local da Área da Muller, Cris Domínguez, insta ao goberno local a seguir o exemplo doutros Concellos da contorna, como Vilagarcía ou Cambados
A formación lembra a moción aprobada por unanimidade en abril a instancias do grupo municipal de EU para a creación de espazos seguros para as mulleres, e en relación á cal nada se fixo ata o momento
O Grove, 9 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida e a Área de Muller da formación instan ao goberno local a dotar á próxima edición da Festa do Marisco de Puntos Morados contra as violencias machistas. A formación lamenta o nulo interese que o Concello ten amosado ata o momento en relación á posta en marcha das medidas para o incremento da seguridade das mulleres que recollía a moción presentada por EU e aprobada no pleno de abril. E reclama que o executivo do PSOE tome dunha vez cartas no asunto e, a diferencia do que aconteceu nas Festas do Carme, dote á celebración gastronómica que terá lugar nunhas poucas semanas destas unidades de apoio e control dos posibles episodios de violencia de xénero.
O pasado mes de abril aprobouse en pleno unha moción do Grupo Municipal de Esquerda Unida na que se instaba á creación de “espazos seguros” para as mulleres durante as festas e espectáculos masivos, así como á elaboración dun protocolo contra as violencias machistas en colaboración co Consello Local da Igualdade e o CIM. Unha iniciativa que foi respaldada sen fisuras polos grupos da corporación, e que quería contrubuír a facer do conxunto do municipio grovense un entorno amable que incrementase a sensación de seguridade das mulleres e puxese freo aos posibles episodios de violencia, acoso ou intimidación que éstas poidan padecer.
Cinco meses despois, a formación lamenta que o goberno local teña deixado sen efecto unha iniciativa de capital importancia como é a loita contra a lacra das violencias machistas. E é que, mentres outros Concellos da contorna toman a batuta e se suman activamente a esta causa, o desleixo do goberno municipal grovense tense traducido ata o momento nunha iniciativa absolutamente nula a este respecto.
A formación lembra que, mentres a Festa do Albariño, en Cambados, ou a da Auga, en Vilagarcía, contaron con Puntos Morados aos que as mulleres podían dirixirse no caso de sentírense agredidas ou seren obxecto de calquera tivo de violencia machista, O Grove deixou pasar todo o verán, festas patronais incluídas, sen seguir ese exemplo. Así as cousas, tanto o grupo municipal como a Área da Muller de Esquerda Unida esixen que o goberno municipal se corresponsabilice dunha vez por todas nesta loita e dote ao recinto do Marisco dun Punto Morado, en coordinación co Consello Local da Igualdade, o CIM e as forzas de seguridade.
Esquerda Unida reclama que o nomeado Consello se convoque coa maior brevidade posible para que sexa posible realizar unha coordinación efectiva do punto de atención e control reclamado xunto coa Concellaría de Turismo e as demais áreas municipais implicadas.
A responsable da Área de Muller e representante de EU no Consello Local da Igualdade lembra que a creación destes Puntos Morados foi recentemente recomendada aos consistorios pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; que a finais de xullo instaba aos Concellos a dotar deles ás festas e outros eventos multitudinarios. Cris Domínguez insta a non deixar pasar máis o tempo, e reclama unha implicación activa e decidida do consistorio grovense; ao que anima a traballar, da man tamén das agrupacións feministas da comarca, para a posta en marcha dun protocolo ambicioso e amplo que teña en conta as distintas problemáticas que afectan ás mulleres e que redunde nun incremento da seguridade deste colectivo e nunha reducción dos episodios de violencia a nivel xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario