Hoxe temos unha nova sesión plenaria no
Concello do Grove.
O goberno local levará á aprobación unha
solicitude de crédito de 400.000 €:
- Dese total, non mostraremos o noso apoio aos 250.000
€ destinados ao Centro de Interpretación de Carpintería de Ribeira (CICRI), o
que ven sendo unha salón de actos que o tripartito nos quere vender como un
Auditorio, e para o cal non existe un financiamento total da obra, polo que non
admitiremos que o Concello aumente o seu endebedamento sen unha garantía de que
a obra conta con investimento total. Así mesmo consideramos que a súa situación
non é a máis idónea xa que se continúa saturando a fachada marítima do casco
urbano do Grove, en concreto, a zona do Corgo pretendendo situar esta
infraestrutura en solo portuario estragar un excelente escaparate do noso pobo
cara os visitantes e unha zona de espallamento dos nosos veciños tanto nas
festas como nos mercados semanais. Ademais, temos que ter en conta que se está
a redactar o plan xeral de ordenación municipal no cal xa se debería ter
prevista a planificación desta infraestrutura nunha situación máis idónea, como
podería ser a Avenida Irmáns Otero Goday. Tamén queremos sinalar que no pasado,
Esquerda Unida nos opuxemos contundentemente á situación da EDAR na mesma zona
por motivos similares.
- En canto aos outros 150.000 € destinados ao
ximnasio, o noso concelleiro Xam Lamelas dará o seu voto a favor, a pesar de
non estar de acordo co modelo que o tripartito ten disposto para a súa xestión,
xa que neste caso a obra si conta cun financiamento total, a deputación abonará
máis do 60%.
Outra das mocións que o goberno levará a pleno
será a nova “Ordenanza municipal reguladora dos procedementos para a
intervención e control na execución de obras, implantación de instalacións e actividades
ou Servizos” na que optaremos pola abstención, non sen antes criticar a falta
de consenso coa oposición para a redacción da mesma.
Pola nosa parte, Xam Lamelas tentará incluír
por urxencia dúas mocións; a primeira en defensa do Pobo Palestino e de condena
á agresión bélica de Israel; e a outra da Agrupación Comarcal de Pensionistas e
Xubilados de CCOO en contra da perda de poder adquisitivo das pensións públicas.
Ademais das mocións, dende Esquerda Unida
formularemos varias peticións e preguntas ao executivo local.
Solicitaremos que dean cumprimento dunha vez
por todas á moción aprobada por unanimidade en abril do 2013, onde
solicitábamos a creación dun parque canino e zonas de espallamento en
diferentes puntos da localidade.
Tamén preguntaremos sobre o novo aparcadoiro municipal
na zona de beiramar. Interésanos saber durante canto tempo se manterá o aluguer
desa parcela e cal é a cantidade mensual que o concello ten que abonar.
Mostraremos o noso malestar por este despilfarro cando nos últimos meses o
tripartito decidiu eliminar unha serie de aparcamentos en diferentes rúas do
Grove (Rúa da Praza, Rúa Candido Acuña, Zonas do Corgo, Rúa Villavella...).
Denunciaremos a situación dos semáforos e os radares
que o Concello instalou en diferentes rúas do Grove, xa que non se utilizan
para regular o trafico e si para sangrar máis os petos dos nosos veciños. No
caso dos radares en Porto Meloxo e na Rúa do Conde, están instalados en dirección
as empresas alí situadas co obxectivo de gravar aos traballadores na súa quenda
de entrada. En canto aos semáforos-radar, tamén están instalados para “pillar”
aos condutores que saen da vila, cando si realmente estiveran para mellorar a
seguridade viaria, controlarían o tráfico de entrada.
Tamén nos interesaremos pola promoción turística, a programación cultural e o estado de distintas rúas do Grove.
Ningún comentario:
Publicar un comentario