mércores, 8 de maio de 2013

Manifesto Esquerda Unida en apoio a Folga Xeral do Ensino


O vindeiro xoves 9 de maio, representantes de todos os sectores da comunidade educativa (nais e pais, estudantes e profesionais da educación) convocan unha folga xeral educativa para amosar o seu unánime rexeitamento aos ataques sistemáticos que sofre a nosa educación pública, mediante unhas políticas centradas en brutais recortes orzamentarios que superan xa os 5000 millóns de euros, e que teñen como obxectivo encuberto o desmantelamento de servizo público educativo, único garante real do dereito universal á educación en condicións de igualdade.
A iso súmase a teimosía do ministro Wert, alentada polo lobby eclesiástico por seguir adiante co seu proxecto de LOMCE (Lei Orgánica para Mellora da Calidade Educativa), a pesar do rexeitamento que vén colleitando en amplos sectores da comunidade educativa e do golpe recibido recentemente desde o Consello de Estado, cuxo dictame sostén, entre outras moitas obxecións sobre aspectos centrais, que nin se necesita unha nova lei de educación para aplicar os cambios que se pretenden introducir, nin é de recibo suscitala sen un amplo acordo co conxunto das forzas políticas e sociais.
A aplicación das medidas que se recollen no Anteproxecto de LOMCE suporía o principio do fin do modelo de educación pública que se foi conquistando durante décadas, e a súa paseniña substitución por un sistema educativo mercantilizado, cuxa calidade estaría intimamente relacionada co poder adquisitivo das familias.Trata así de consolidar e aumentar a diferenciación de dúas redes de educación. A pública centrada en atender ás clases baixas, e a quen sexan rexeitados polo sector privado e zonas rurais, que non son rendibles para a iniciativa privada.
A LOMCE pretende estender e potenciar territorios escolares reservados á élite, excluíndo á súa vez as fillas e fillos da clase traballadora á hora de acceder a determinados niveis e centros educativos. Desta forma, o que busca esta contrarreforma é reducir o período de ensino obrigatorio. A exclusión dunha parte de quen foron incluídos no último medio século e a reformulación do principio de gratuidade mediante a introdución de fórmulas de re-pago da educación. O propio bacharelato suporía importantes gastos que non toda a cidadanía poderá costear, por non falar dos aumentos, que xa estamos a sofrer, das taxas universitarias ou os desorbitados prezos de másteres e cursos de posgrao.
As reválidas, a elección obrigada de itinerarios segregadores a idades temperás, o control externo do que hai que aprender/ensinar, ou a ausencia de participación democrática na xestión dos centros educativos son, sen dúbida, outro ataque sen precedentes á igualdade e á equidade na educación. Queren potenciar tamén centros de diferentes niveis segundo os contextos socioeconómicos, fomentando a especialización e “excelencia” duns en detrimento doutros, en lugar de garantir o dereito universal a unha educación de calidade para todos e todas. Ademais esa especialización estará máis ligada a intereses privados empresariais e dos “mercados” que á formación integral do alumnado.
E todo iso enmárcase nun proceso de continuos recortes que atacan directamente a calidade da educación pública: aumento de ratios de alumnado, redución drástica de persoal docente, eliminación ou redución de becas e axudas, orzamento irrisorio nas partidas destinadas a formación, investigación... Recortar en educación significa que milleiros de menores, mozos e mozas, recibirán unha educación de peor calidade e terán máis dificultades para permanecer máis tempo no sistema educativo, xerando unha sociedade máis desigual. Os informes internacionais, como o recente da UNESCO, e os propios obxectivos de Europa 2020 inciden nunha prioridade básica para iso: investir.
A comunidade educativa vén reclamando fai meses, xunto a amplos colectivos sociais, a retirada inmediata do anteproxecto da LOMCE; esixencia que tralo dictame do Consello de Estado debería levar ao Goberno Rajoy a non dilatala máis e a impulsar un proceso de diálogo con todos os sectores da comunidade educativa para elaborar un diagnóstico compartido sobre os problemas reais do noso sistema educativo e as medidas que poden mellorar a súa calidade con equidade, asegurando en todo caso os recursos necesarios para iso e aplicando un “rescate” á educación pública semellante ao que se puxo a disposición das entidades bancarias.
Por isso, toda a comunidade educativa e toda a cidadanía debemos sumarnos á folga do 9 de maio, tan oportuna como necesaria; e a cantas mobilizacións sexan convocadas contra os recortes e fronte ás contrarreformas educativas que quere impor o PP, tanto nos ensinos básicos e postobrigatorias (LOMCE), como nas universitarias, que así mesmo foron obxecto dun informe de “expertos” designados unilateralmente por Wert, á marxe da comunidade universitaria e dos seus órganos representativos.
Defendemos un modelo de educación pública inclusiva, igualitaria, laica, de calidade, gratuita e democrática. Unha educación laica que respecte a liberdade de conciencia e elimine toda forma de adoutrinamento do currículo escolar. Unha educación personalizada, integral e inclusiva, que reduza a ratio de estudantes por grupo e potencie a titoría e a orientación educativa, cun currículo e unha organización pensados para atender mellor á diversidade do alumnado e formar cidadáns críticos e capacitados para cooperar na construción dun mundo mellor e máis xusto. Unha educación en igualdade que fomente a coeducación e non segregue por razón de sexo nin de orientación sexual nin por ningunha outra característica de índole persoal ou cultural. Unha educación democrática que potencie a participación de toda a comunidade educativa na xestión e funcionamento dos centros e distritos escolares. Unha educación que motive ao profesorado, recoñecendo e confiando no seu labor, acordando as súas condicións de traballo e mellorando a súa formación inicial e permanente. Unha educación con financiamento público suficiente, garantida por Lei, que se blinde fronte a recortes, que alcance a media europea en PIB e asegure un sistema integral de becas, así como a gratuidade de materiais didácticos, comedor e transporte escolar no ensino obligatorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario