luns, 24 de outubro de 2011

Miguel Pérez búrlase dos veciños ao subirse o soldo e aumentar o gasto municipal


O Alcalde do Grove, Miguel Angel Pérez, ven de propoñer para o vindeiro pleno a subida do seu soldo, pasando dunha dedicación parcial a unha dedicación exclusiva. A suba supón un incremento de preto do 400%, o que en datos se traduce nun aumento de 800 € mensuais a máis de 3.150 €. Isto incremente bastante o gasto municipal do actual tripartido, onde todos os seus membros están remunerados, e supera con creces o gasto do anterior goberno. 


CRONOLOXÍA

23/07/2011 O Goberno tripartito liderado polo PP aproba, co voto en contra da oposición (EU, PSOE, BNG), as retribución en réxime de dedicacións exclusivas e parciais dos nove membros do Goberno municipal por primeira vez na historia do Grove. Neste reparto o Alcalde dedicaríase tan só un cuarto de xornada aos labores municipais. O Alcalde sinalou como exercicio de austeridade o menor custo para as arcas municipais respecto ao anterior mandato.
30/08/2011 O Alcalde Miguel A. Pérez e o Concelleiro de Facenda Juan Luís Callón anuncian en rolda de prensa a “preocupante situación de afogamento financeiro” do Concello, e anuncian que se tomarán “medidas centradas na contención do gasto”.
29/09/2011 O Goberno tripartito liderado polo PP aproba, co voto en contra da oposición (EU, PSOE, BNG), á suba do IBI e IVTM.
27/10/2011 O Goberno tripartito liderado polo PP presenta a Pleno a proposta de elevar o salario do Alcalde de 800 euros mensuais a 3153,54 euros mensuais, o que supón unha suba de preto do 400%, e elevando o gasto do goberno en salarios de 107.000 euros anuais a 139.975.92 euros anuais, sendo o gasto superior que o do anterior Goberno.

O Grove, 24/10/2011 Desde Esquerda Unida queremos denunciar a desvergonzada actitude do Goberno tripartito liderado polo PP no tocante á xestión financeira e execución do gasto municipal. En tan só cinco meses de novo goberno, podemos observar como o equipo liderado por Miguel A. Pérez recorreu a unha elaborada e retorcida estratexia para xustificar o aumento do gasto en retribucións aos membros do goberno local disfrazándoo de exercicio de austeridade, faltando así ao respecto de todos os veciños e veciñas do Concello do Grove.

En agosto deste mesmo ano, tivemos que ler a través da prensa (aínda non se informou aos voceiros da oposición da situación real das contas do Concello), anunciado polo Alcalde e o Concelleiro de Facenda, que O Grove atopábase nunha grave situación de “asfixia financeira”. Nesa rolda de prensa anunciaron que se tomarían “medidas centradas na contención do gasto”. Realmente temémonos que iso sexa así e se comecen a reducir servizos prestados polo Concello, como a escola de adultos, e así o denunciamos a través dun comunicado de prensa. Pola contra, o Goberno tripartito liderado polo PP optou por outro tipo de medidas non anunciadas: suba de impostos e elevación do gasto dos membros do Goberno. Non só o PP ten que “pagar” o voto na investidura dos concelleiros do PGD e AMeca, senón que por primeira vez na historia do noso Concello todos os membros do Goberno municipal están retribuídos economicamente.

Tendo en conta que o equipo de Pérez ten que lidar cun orzamento prorrogado, tiveron que recorrer a outras arcas públicas distintas das municipais para saciar apetito económico do Alcalde. Durante estes primeiros meses, o Alcalde dedicouse soamente un cuarto de xornada laboral ás tarefas municipais, co seu salario acorde, aforrando así os cartos necesarios para poder elevar o gasto dos órganos de goberno sen ter que modificar a partida orzamentaria e retrotraer cantidades de outras partidas durante este ano. É aberrante esta actitude ao noso entender, tendo en conta a situación de crise capitalista que estamos a vivir e as súas consecuencias nos recursos económicos das administracións públicas, froito das políticas neoliberais levadas a cabo polos diferentes goberno dos PP e PSOE, sendo o peor o drama do desemprego que están a pasar moitas familias, o cal non están tendo en conta os membros do Goberno tripartito.

Preguntámonos cal é a postura da Concelleira Aida Filgueira, quen no anterior mandato criticou con dureza o gasto derivado das liberacións de dous concelleiros do Goberno municipal, chegando a propoñer no Pleno unha moción na que se solicitaba a retirada de polo menos un dos dous salarios, por entender que non estaban xustificados. ¿Está xustificado o seu salario tendo en conta que o seu proxecto estrela, o Centro de Día, converteuse en fume xa no mes de xuño, e para cuxo traballo conta coa axuda dunha asesora? Tamén Alfredo Bea anunciou despois das eleccións que ía “traballar menos e ser máis político”. O primeiro está a cumprilo ¿está entón xustificado o seu salario?

Esquerda Unida nunca estivo e nunca estará en contra da dedicación exclusiva dun Alcalde, sexa do color político que sexa. O que non é de recibo é que primeiro se predique unha cousa e logo se faga outra. Por este motivo, o noso concelleiro emitirá o seu voto en contra da subida do soldo do Alcalde no vindeiro pleno.

O que está claro é que ningún dos membros do actual Goberno tripartito nin os seus grupos políticos teñen a suficiente catadura moral para representar á cidadanía do Concello do Grove.


GOBERNO
Liberados
Salario anual
Diferenza do goberno actual co anterior
PSOE-BNG-PG
(ano 2010)
3
≈ 128.500 €
PP-PGD-Ameca (xuñ’11 a out’11)
9
≈ 107.000 €
≈ - 21.500 €
PP-PGD-Ameca (nov’11 a …)
9
≈ 140.500 €
≈ +12.000 €



GOBERNO
Liberados
Salario + Seg. Social anual
Diferenza do goberno actual co anterior
PSOE-BNG-PG
(ano 2010)
3
≈ 173.500 €
PP-PGD-Ameca (xuñ’11 a out’11)
9
≈ 144.500 €
≈ - 29.000 €
PP-PGD-Ameca (nov’11 a …)
9
≈ 189.000 €
≈ +15.500 €

Ningún comentario:

Publicar un comentario