O señor Meis ou ben confunde a política municipal co programa “Aquí hay tomate”, ou ben cre que a maneira de facer política é a de difundir bulos e sinsentidos que nada teñen que ver coa realidade. Tanto nun caso como noutro, a única conclusión que podemos tirar das súas declaracións é que o Partido Popular grovense padece tal incapacidade de propoñer alternativas e solucións aos problemas dos veciños, que só se lle ocurre inventar falsedades sobre as relacións entre os grupos que integran o goberno do Grove.
A laboura de Xan Lamelas neste goberno desenvólvese con total normalidade, mantendo unhas relacións de respecto e cordialidade (aínda dentro das diferencias políticas que lóxicamente poidan xurdir) con todos os membros do Cuatripartito. O debate e o diálogo son elementos imprescindibles da política democrática, cousa que o Sr. Meis parece non entender, aínda que esto é comprensible nun partido onde todo o que non sexa “ordeno e mando” confúndese con ruptura, debilidade e crise. O Partido Popular non debe de estar moi afeito ao diálogo interno, pois o seu posicionamento político desde que pasou á oposición é a dunha unánime carencia de proxecto para O Grove. Por eso, animamos ao señor Meis a que adique unha parte da súa portentosa imaxinación a buscar propostas que melloren a calidade de vida dos grovenses. Estes non o elixiron para facer gala da súa incontinencia verbal, senón para traballar en prol dos veciños. Non obstante, logo dun ano na oposición, cabe empezar a pensar que o señor Meis ten aptitudes innatas para a primeira destas cousas, sendo completamente inútil para a segunda. Con todo, non perdemos a esperanza de que un día este concelleiro abandone a súa personaxe de alborotador e deixe de interpretar o papel de títere antipático que Miguel Pérez lle otorgou.
No tocante á moción de censura, hai que lembrar que para que unha iniciativa como esta saia adiante fai falta un mínimo de 9 votos, dos cales carece o PP. Pero ademáis tamén é preciso un proxecto político, e temos que dicir que se durante oito anos no goberno o Partido Popular non foi quen de desenvolver proxecto ningún, durante os 10 meses que leva na oposición as súas palabras, que non os seus feitos, só demostran o lonxe que están de alcanzalo. E esto non abonda para presentar unha moción de censura nin para postularse como alternativa de goberno.
Por último, o señor Meis demostra non saber por onde van os tiros cando utiliza a Esquerda Unida e ao seu concelleiro para atacar ao Goberno do Grove. En EU temos moi claro cal é o noso posicionamento político e o proxecto que defendemos para O Grove, e ben pode o PP seguir por este camiño se o que pretende é seguir demostrando a súa completa ineptitude política.
Ningún comentario:
Publicar un comentario