O grupo municipal lamenta que o goberno local actuase “coma se tivese maioría absoluta”, sen consensuar o proxecto coa oposición. Denuncian que se presenta un proxecto en función dunha axuda, non da realidade da vía.
EU advirte de riscos para a seguridade viaria e para o tráfico pesado ao instaurarse plataforma única e reducir o ancho da estrada. Ademais, prevese eliminar máis de trinta prazas de estacionamento sen ofrecer alternativas.
O Grove, 7 de novembro de 2025.- O grupo municipal de Esquerda Unida do Grove explicou os motivos polos que decidiu non apoiar o proxecto de reforma da rúa Luís A. Mestre, aprobado no pleno municipal do pasado luns, día 3, e que se levará a cabo mediante un convenio coa Xunta de Galicia, que achegará entre o 70 e o 80 % do custo total, arredor de 2,6 millóns de euros. A aprobación do proxecto no pasado pleno tan só supoñía optar á financiación que lle corresponde ao concello a través da subvención do Plan Extra da Deputación de Pontevedra.
O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, cualificou o proxecto de “precipitado, pouco dialogado e alleo ás necesidades reais da rúa”, lamentando que o alcalde e o seu equipo actuasen “coma se aínda tivesen maioría absoluta”.
“O proxecto presentouse con présa e sen consenso, cando o PSOE non ten maioría e necesitaba o apoio dalgún grupo da oposición. Volvemos á vella práctica de presentar propostas pechadas e sinalar á oposición como culpable se non as apoia”, denunciou Otero que resaltou que “este proxecto está enfocado en acadar a subvención do Plan Extra, non nas necesidades reais da rúa”.
A formación sinala que o marxe de análise foi moi curto, mais aínda así detectaron cuestións graves que poden afectar á seguridade viaria e peonil. “Proponse facer plataforma única e reducir o ancho da estrada de sete a seis ou mesmo a cinco metros e medio o que supón un risco evidente”, advertiu Otero. “Por unha parte desa vía circulan autobuses e camións de gran tonelaxe; se agora teñen dificultades para cruzarse, coa plataforma única podería chegar a ser imposible, obrigando á invasión da beirarrúa e poñendo en perigo aos peóns”.
EU defende que, polo menos no tramo entre Borreiros e o cruce coa Avenida de Portugal, se manteña o ancho actual da calzada, mellorando a accesibilidade das beirarrúas e os pasos de peóns, e que a plataforma única se limite ao segundo tramo, entre o cruce da Avenida de Portugal e a rúa da Praza.
Outro aspecto que critican é a supresión de 35 prazas de aparcamento sen alternativa algunha. “Non é razoable eliminar máis da metade das prazas nunha rúa onde as preto de 80 existentes están ocupadas case todo o día. O Concello debería habilitar espazos de estacionamento en solares baleiros ou en desuso, como xa propuxemos noutras ocasións”, engadiu Otero.
Dende Esquerda Unida teñen claro que o proxecto responde máis á oportunidade dunha subvención que a unha planificación seria da mobilidade local. “Non se pode aprobar un proxecto a cegas só por non perder unha axuda. O plan fíxose para encaixar nunha convocatoria e non para resolver os problemas reais da estrada”, insistiu Otero.
A formación tamén expresou a súa sorpresa pola postura do PP e do BNG, que “compartiron e fixeron súas moitas das nosas denuncias durante o pleno, pero logo optaron por absterse e permitir a aprobación do proxecto”.
“Permitiron que o alcalde saíse coa súa. Agora dise que nos reuniremos cos técnicos, pero esa reunión temémonos que será meramente informativa, porque cuestións como a plataforma única no primeiro tramo ou a redución do ancho dos carrís son condicións impostas polas bases da subvención da Deputación e dificilmente se poderán modificar”, explicou Otero.
Pese a todo, Esquerda Unida adianta que levará as súas propostas á xuntanza cos técnicos municipais, coa intención de axustar o proxecto á realidade da estrada e garantir a seguridade dos viandantes e vehículos, e forzarán para que se modifique o proxecto “aínda que iso supoña renunciar á subvención”.
“Preferimos perder unha axuda e ter que pedir un préstamo antes que hipotecar o futuro dunha das arterias principais do Grove cun proxecto mal deseñado. As boas decisións non se toman con présa nin con chantaxes, senón con diálogo e responsabilidade”, insistiu o voceiro de EU.
Lembran que ”a precipitación a hora de deseñar un proxecto para acadar unha subvención, sen contemplar os pros e os contras, provocou que a rúa Alexandre Bóveda tivese que suprimir un dos carrís de circulación, ocasionando numerosos problemas que a día de hoxe non foron resoltos. Non queremos que, novamente, se hipoteque o futuro dunha rúa polo simple feito de lograr o seu financiamento”.
