Logo de que o grupo municipal o viñese solicitando durante varios anos, o goberno local presentou o borrador dun regulamento para as Centolas de Ouro no Consello Local de Turismo que se celebrou este mércores.
Esquerda Unida advirte que o texto presentado polo goberno local podería desnaturalizar o premio e desvincular as Centolas de Ouro da súa esencia como máximo recoñecemento local. Defenden que os galardoados deben manter un vínculo real co Grove e reclama abrir o proceso de propostas á participación cidadá.
O Grove, 3 de xullo de 2025.-Esquerda Unida trasladou varias alegacións ao Consello Local de Turismo, que tivo lugar este mércores, no marco da elaboración do primeiro regulamento das Centolas de Ouro, o galardón máis simbólico e de maior prestixio institucional do Grove, que ata agora carecía de normativa formal.
Desde a formación amosan a súa preocupación pola posible desnaturalización deste recoñecemento. Segundo interpretan, o texto que pretende impulsar o goberno local podería desvincular o premio da súa esencia: o compromiso e a relación co Grove.
A concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, lembra que "ata o de agora, as Centolas de Ouro foron entregadas a persoas, colectivos e empresas que, sendo do Grove ou de fóra, mantiveron sempre unha conexión clara co municipio, contribuíndo á súa promoción, ao seu desenvolvemento social ou á súa proxección exterior".
"A intención do alcalde é converter estes galardóns nuns novos Príncipe de Asturias, sen que os premiados teñan que ter vínculos co Grove, e así o deixou entrever nas últimas xuntanzas do Consello Local de Turismo", advirte Millán. Para a formación, o borrador do regulamento recolle esa orientación, polo que defenden que "o criterio de vinculación co Grove debe seguir sendo o eixe central da distinción, evitando que o galardón perda o seu valor identitario ou se converta nun premio deslocalizado sen conexión co territorio".
"Queremos blindar a relación co Grove no propio regulamento. Non se pode abrir a porta a que este premio, que simboliza o máximo recoñecemento municipal, se conceda a persoas ou entidades sen ningún tipo de vínculo coa nosa vila. Iso sería baleirar de contido as Centolas de Ouro e desnaturalizar o seu sentido", insiste Millán.
Entre as alegacións que presentaron, Esquerda Unida propón incorporar a posibilidade de conceder o galardón a título póstumo a persoas que, por diversas razóns, non foron recoñecidas en vida, recuperando así figuras de especial relevancia para a memoria colectiva da vila. "Non entendemos que o borrador prohiba outorgar este distintivo a persoas falecidas", sinalan.
Outro dos puntos fundamentais que defenden é abrir a presentación de candidaturas á veciñanza, aos colectivos e ás entidades sociais e culturais, garantindo un proceso máis participativo e inclusivo, e non restrinxido unicamente aos membros do Consello Local de Turismo, como era ata agora e como tamén recolle o borrador actual. "Se abrimos a participación da veciñanza, poderemos recoller propostas que quizais se nos escapan aos membros do Consello", explica Millán.
"É importante que a regulación desta distinción, que compartimos que debe existir, non sirva para afastala da nosa realidade nin da nosa xente. As Centolas de Ouro deben seguir pertencendo ao Grove", concluíu Millán.