
A formación política preocúpase pola falta de avances dende o
anuncio do anteproxecto en marzo do ano pasado, apuntando á necesidade de
substituír canto antes a tubaxe ante as constantes roturas que provoca o
desabastecemento de auga á veciñanza de Meloxo.
Esquerda Unida solicita información ao ente provincial e ao
goberno municipal para esclarecer quen está demorando a execución da
obra.
O Grove, 24 de febreiro de 2024.- Esquerda Unida manifestou a súa preocupación pola demora nas
obras de mellora da estrada de Meloxo, unha actuación vital para a veciñanza
que leva sufrindo problemas de subministro de auga dende hai tres anos debido a
frecuentes roturas na tubaxe. A última incidencia rexistrouse hai apenas unha
semanas e, trala reparación, a zona atópase valada, o que supón un enorme risco
para os condutores, máxime cando é utilizada por numeroso tráfico pesado.
Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, dende o
primeiro incidente, en xaneiro do 2021, o seu grupo municipal ten insistido en
innumerables ocasións na necesidade de substituír a tubaxe para previr futuras
avarías. Otero indica que en marzo do 2023, o goberno local anunciou un
anteproxecto para, ademais da substitución completa da tubaxe de subministro de
auga, realizar unha actuación integral que incluía a ampliación da beirarrúa, a
creación dunha cuneta transitable, a renovación do firme e luminaria. Como
propietaria da estrada, a obra ía ser executada pola Deputación de Pontevedra
que en xuño do pasado ano anunciou a licitación do proxecto. Non obstante, a
realización destas obras requiría a cesión de terreos por parte dos
propietarios das fincas afectadas e este traballo correspondíalle ao goberno
municipal, lembra Otero.
Co cambio de goberno na Deputación, agora en mans do PP,
Esquerda Unida preocúpase pola falta de información sobre a obra. Á incerteza
sobre o peche das cesións de terreos, súmase a ausencia de información clara en
relación á disposición do actual goberno provincial a realizar a obra, o que
preocupa aínda máis á formación política, que non ven avances case un ano
despois de ter anunciado obra.
Así, Esquerda Unida quere saber a que é debido o retraso, e por
iso xa realizou a consulta pertinente á Deputación de Pontevedra a través do
rexistro. “Queremos saber se o retraso na execución da obra é debido a un
rexeite do ente provincial a investir nesta estrada, ou é por culpa do goberno
municipal, xa que a día de hoxe temos constancia de que non se puxeran en
contacto cos propietarios para pechar as cesións dos terreos, logo de
comprometerse a realizar ese traballo”, asevera Otero.
O voceiro esquerdista indica que “a situación resulta
frustrante, sobre todo para as veciñas e veciños de Meloxo, que continúan a
experimentar roturas na tubaxe e, en consecuencia, cortes no subministro de
auga, nalgúns casos durante horas e, en ocasións, ata un día completo”.
É por iso que, á espera de resposta por parte da Deputación,
Esquerda Unida urxe ao goberno municipal a esclarecer a situación, e se é
preciso pechar canto as cesións dos terreos, co fin de resolver un problema que
xa se prolonga por demasiado tempo. Así mesmo, solicitan que namentres siga
valada a zona afectada, se mellore o balizamento para evitar o risco para o
tráfico rodado, sobre todo pola noite.