martes, 27 de maio de 2025

EU presenta propostas para executar con un remanente que evidencia un goberno esgotado e incapaz

A formación reclama actuacións realistas, executables neste mesmo exercicio, que melloren a mobilidade, os servizos públicos, a xestión ambiental e o benestar da veciñanza.

As propostas inclúen a adquisición de terreos, reformas en equipamentos públicos, melloras na rede de auga, instalación de zonas de sombra, espazos para animais e novo equipamento municipal.

O Grove, 27 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de trasladar ao goberno unha batería de propostas concretas para seren financiadas con cargo ao remanente de tesourería do exercicio 2024, que ascende a máis de 6 millóns de euros. A formación volve criticar con contundencia que, malia dispor deses 6 millóns de euros de remanente e tamén dun superávit de 2,5 millóns, se siga traballando cuns orzamentos prorrogados dende o 2022.

Dende Esquerda Unida sinalan que “isto evidencia que contar con un orzamento non era nin é cuestión de falta de cartos, senón dunha nefasta xestión. É a mostra dun goberno esgotado e incapaz de executar nin sequera os seus propios orzamentos”. A formación cualifica a situación de preocupante, “chegamos ao punto de que son incapaces ata de mandar pintar un paso de peóns”.

A pesar deste panorama, Esquerda Unida mantén a súa vontade construtiva e achegou ao executivo local, tal e como anunciaran, un conxunto de actuacións pensadas para seren realistas e executables dentro do presente ano, tal e como esixe a normativa. As propostas céntranse na mellora de infraestruturas, servizos públicos e espazos comúns, con impacto directo na calidade de vida da veciñanza.

Entre as actuacións propostas, destaca a compra do terreo de Entrehortas, unha operación comprometida nas negociacións do ano pasado que finalmente non se chegou a pechar. A formación considera esencial esta adquisición para ampliar o aparcadoiro da zona e habilitar un acceso dende Conricado. Así mesmo, Esquerda Unida propón valorar a posibilidade de crear un aparcadoiro a dúas alturas nese espazo e, "no caso de resultar viable, encargar xa a redacción dun proxecto técnico que permita acometer a obra nun futuro próximo".

Outra proposta é a compra dun terreo situado na parte traseira do pavillón do CEIP Conmeniño, co obxectivo de habilitalo como zona de estacionamento. "Tendo en conta que se está abrindo unha porta cara o exterior, esta actuación melloraría o estacionamento e facilitaría o acceso ás actividades deportivas non lectivas sen ter que entrar no recinto escolar", indican.

No ámbito da protección animal, Esquerda Unida pide que se habilite unha aula no edificio do Monte das Flores para a asociación O Jato Meco. O obxectivo é crear un espazo axeitado para a atención dos gatos das colonias, especialmente aqueles aos que se lles aplica o protocolo CES ou que precisan coidados veterinarios. Lembran que "este é un servizo de competencia municipal que actualmente realiza a asociación e son as propias voluntarias as que acollen aos animais nas súas casas, cos conseguintes problemas que lles supón".

A formación tamén propón unha obra de reforma no Punto de Atención á Infancia, para conectar a sala de usos múltiples, onde se traballa cos nenos de maior idade, co cuarto de baño. Actualmente, a separación entre ambas zonas obriga a atravesar un corredor, dificultando o control dos menores por parte do persoal.

En materia de xestión da auga, Esquerda Unida solicita que se avance na execución das recomendacións incluídas na auditoría hidráulica realizada o pasado ano. En concreto, propoñen instalar os caudalímetros que non requiran permisos doutras administracións, iniciando así un proceso que no seu conxunto está valorado en 63.000 euros.

A reposición dos valados e da sinalización no Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho, así como a instalación de bancos e mesas na parcela municipal ao carón do Redondo para crear unha área de descanso, son tamén propostas incluídas no documento.

En base a dúas mocións de Esquerda Unida aprobadas por unanimidade no 2024, a formación reclama a creación de zonas de espallamento canino en Confín, Porto Meloxo e San Vicente, e a instalación de zonas de sombra nos parques infantís. Neste último caso, propoñen comezar pola creación de sombra nas áreas de bancos mediante estruturas de madeira con enredadeiras.

Tamén se solicita ampliar o valado entre o campo de fútbol 5 e o parque infantil da zona recreativa de Terra de Porto, para evitar que os balóns impacten nos menores que xogan no parque.

Finalmente, Esquerda Unida propón a compra dun novo guindastre municipal, despois de que hai uns anos se dese de baixa o único vehículo dispoñible, co obxectivo de recuperar un servizo público esencial.

Desde a formación expresan o seu desexo de que todas estas propostas sexan recollidas no documento definitivo que se leve a pleno. “Son actuacións realistas, necesarias e viables. Esperamos que o goberno as teña en conta e comece a traballar nelas”, afirman.

Así mesmo, consideran positivas moitas das propostas formuladas polo propio goberno, “xa que responden a demandas que Esquerda Unida leva anos formulando tanto no pleno como na prensa”.

mércores, 14 de maio de 2025

Esquerda Unida critica a inacción do goberno ao non poñer en funcionamento a app “Meu Concello”

A ferramenta tecnolóxica permitiría unha mellor xestión de incidencias e unha comunicación máis eficaz coa cidadanía, pero segue sen estar operativa dende que a Deputación a lanzou hai case un ano.

Outros concellos da provincia xa a empregan con éxito, mentres que no Grove segue sen ofrecerse este servizo gratuíto proporcionado pola Deputación de Pontevedra. Esquerda Unida pide que se active xa.

O Grove, 14 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de denunciar a falta de vontade do goberno municipal para poñer en marcha a aplicación "Meu Concello", unha ferramenta dixital proporcionada pola Deputación de Pontevedra para xestionar incidencias, alertas e comunicacións coa veciñanza a través do móbil.

Segundo sinala o seu concelleiro, Anxo Meis, o Concello do Grove conta con esta ferramenta dende xuño de 2024, pero segue sen estar operativa. “En setembro dese mesmo ano, preguntamos en pleno cando se ía activar, e a resposta foi que estaban estudando como xestionala por falta de persoal. En marzo deste ano, ao volver preguntar, indicóusenos que procurarían poñela en funcionamento. Con todo, a día de hoxe nada mudou”, afirma Meis.

Para Esquerda Unida, esta ferramenta é "importante e imprescindible" para modernizar a administración local e mellorar a resposta ás necesidades cidadás. Tal e como indica Meis, “a app permite que a veciñanza poida comunicar incidencias como losetas levantadas, papeleiras cheas, farois sen luz, problemas de limpeza, bancos rotos,... e ofrece ademais un seguimento da resolución da incidencia, o que axiliza a resposta municipal e mellora a percepción do servizo”.

A aplicación conta ademais cun apartado para noticias, bandos e avisos, tales como de cortes de auga ou de tráfico, e mesmo un mapa con puntos de interese local, o que para Meis supón “a posibilidade de ter unha comunicación directa e inmediata con todas as persoas usuarias, e especialmente útil en situacións de urxencia ou de información sobre servizos municipais”.

Concellos como Sanxenxo, Cambados, Soutomaior, Bueu, Tomiño, Vilaboa, Mos ou Covelo xa activaron esta ferramenta e resolven mediante a mesma numerosas incidencias cada semana. Mentres tanto, no Grove continúa sen ofrecerse este servizo, a pesar da súa utilidade e de ser totalmente gratuíto para o Concello. “Quizais o problema sexa que, tal como está a vila, poñer a funcionar a app suporía unha saturación de incidencias e obrigaría ao goberno local a asumir a realidade na que se atopa o municipio", afirma Meis.

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a activar de inmediato esta ferramenta dixital, aproveitar o seu potencial e atender todas as comunicacións cidadás que se reciban por esta vía, sen deixar de empregar as canles tradicionais de contacto co Concello.

xoves, 8 de maio de 2025

Esquerda Unida carga contra a falta de xestión do goberno municipal trala liquidación do orzamento 2024

Denuncian que o Concello pecha o 2024 cun superávit de 2,5 millóns de euros e, por segundo ano consecutivo, cun remanente de tesourería que supera os 6 millóns, cando ten os orzamentos prorrogados dende 2022.

Esquerda Unida presentará unha proposta para investir a maior parte do remanente en medidas que beneficien á veciñanza. Pídenlle ao Alcalde que faga presión no seu partido para que a Ministra de Facenda permita o uso do remanente ou, pola contra, prepare un Plan Económico Financeiro.

O Grove, 8 de maio de 2025.-Esquerda Unida denuncia que, por segundo ano consecutivo, o Concello do Grove pecha o exercicio cun remanente de tesourería millonario que, nesta ocasión, a liquidación do 2024 sitúa en 6.312.143,80 €. Ademais, as contas arroxan un superávit de 2.485.900,20 €, mentres mantén os orzamentos prorrogados dende 2022.

O seu voceiro, José Antonio Otero, acusa ao Alcalde de escudarse ano tras ano na imposibilidade de sacar adiante uns orzamentos ao non ser quen de cadrar os números debido ao incremento do gasto anual, facendo fincapé especialmente no incremento de servizos como a Axuda no Fogar ou o Punto de Atención á Infancia. "Unha escusa inxustificable á vista das cifras", afirma Otero, que considera que “a liquidación evidencia que non se trata dun problema de cartos, senón de falta de capacidade, de planificación e de xestión por parte do goberno municipal”.

Para Otero o exemplo está en que “o ano pasado aprobouse un paquete de 2 millóns de euros en investimentos con cargo ao remanente e só se executou a metade, deixando sen facer moitas das actuacións pactadas, incluídas varias das propostas presentadas polo noso grupo”.

Aínda así, o voceiro esquerdista anuncia que, ante un remanente tan elevado, volverán presentar unha proposta ampla de accións e investimentos concretos para executar, que serán trasladadas ao goberno nos vindeiros días. “Sabemos que este ano o Ministerio de Facenda impón máis limitacións ao uso do remanente, pero hai ferramentas para tentar sortear esa situación, polo que queremos que o goberno municipal se poña a traballar canto antes”, indica Otero.

Desde Esquerda Unida sinalan que o seu partido a nivel estatal leva tempo presionando para que o Goberno central emita un decreto que permita, como en 2024, o uso do remanente en beneficio da veciñanza. Por iso piden ao Alcalde que faga o propio e “inste ao seu partido a presionar á súa ministra de Facenda para desbloquear a situación e poña os intereses do Grove por diante dos intereses partidistas”.

Mentres tanto, dende Esquerda Unida agardan que o goberno municipal comece a traballar e estude todas a vías para poder utilizar o remanente. “Queremos que se valoren todas as nosas propostas e se non se emite o decreto, haberá que explorar outras vías, como un posible plan económico-financeiro, se é que se rompe a regra de gasto ou a estabilidade orzamentaria", afirma Otero.

Finalmente, José Antonio Otero insta ao Alcalde a “cumprir coa lei e presentar un novo orzamento”, lembrándolle que “hai marxe para cadrar os números, e xa o demostramos”. “O que non se pode permitir é que un Concello que pecha liquidacións con superávit millonario continúe funcionando con orzamentos caducados e sen executar as accións acordadas”, remata Otero.