NON AO CICRI

Podes DESCARGAR FOLLA DE SINATURAS para colaborar na campaña en contra do CICRI. En canto a teñas completa ponte en contacto con algún membro de Esquerda Unida ou entregaa no local de EU (Rúa Luis Casais, 1. 2º), os luns a partir das 19.00 horas. Tamén podes recoller unha copia da folla na copistería Copyman.


Son varios os problemas cos que conta a zona portuaria do Corgo. Desde a falta de amarres para as distintas listas, escasos servizos para os mariñeiros, falta de seguridade, circulación de tráfico urbano nas zonas de traballo ou falta de espazo para embarcacións tradicionais, e seguro que poderíamos seguir engadindo elementos a esta lista. Sen embargo, o goberno tripartito municipal, obviando toda esta problemática, presenta para aprobación en pleno matutino e por vía de urxencia a aprobación de un plan de ordenación portuaria na que se formula unha reordenación da praza do Corgo na que desaparece a mesma praza, os xardíns, desprázase a rotonda da estatua do mariscador e mesmo desaparece o emblemático bar O Moscón para converter a zona en edificable, co propósito de establecer na fachada litoral do noso casco urbano unha obra que ninguén solicitou e que de executarse acabaría por converterse nun pequeno Gaiás para as arcas municipais.

Nin centro de día, nin novo centro de saúde, colexios que precisan de inversión e choiva dentro da gardería, pero a prioridade do tripartito é unha obra de 2,5 millóns de euros en terreos portuarios (non municipais) e para a cal non se teñen os cartos. Está claro cales son as prioridades do tripartito. A esta falta de orzamento por parte do Concello, haille que sumar o feito de que a obra vai en parte subvencionada pola Deputación de Pontevedra, con cargo ao Plan de Obras do ente provincial. Isto significa que nas tres anualidades nas que se execute a obra (está dividida en tres fases) as inversións que a Deputación soe facer no Grove con cargo á partida mencionada como asfaltado de rúas, melloramento do saneamento e sumidoiros ou arranxo de beirarrúas, non se farían, porque os cartos que normalmente van destinados a estas melloras sempre necesarias irían parar ao xa popularmente chamado "barco quilla arriba".

Tras o fracaso do PXOM, o goberno tripartito pretende, a escaso tempo das vindeiras eleccións municipais, presentarse ante os veciños do Grove cunha gran obra no seu haber. Despois de que no anterior mandato quedaran en marcha infraestruturas fundamentais para o noso concello como a depuradora de augas residuais ou o novo pavillón deportivo (que por certo acumularon enormes retrasos neste mandato), tan só quedaba pendente a consecución dunha das grandes promesas electorais históricas como é un auditorio municipal, tendo en conta a imposibilidade dunha piscina e a renuncia ao porto deportivo que este mesmo plan de ordenación portuaria reflexa. E para solucionar esta situación desembarcou na rúa Pratería Rafael Louzán, quen trouxo en campaña un "auditorio do mar" baixo o brazo para gozo de Miguel Á. Pérez.

Pero non nos enganemos, se ninguén de nós lle chama auditorio ao salón de actos da Casa da Cultura "Lueiro Rey", tampouco o Centro de Investigación e Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI, que é o rimbombante nome co que bautizaron á monstruosidade) será tal, pois para albergar actos, habería que retirar a exposición que houbera no lugar (dornas e outras embarcacións tradicionais, suponse) para colocar no seu sitio cadeiras que de novo habería que volver a retirar para, outra vez, volver a colocar os elementos anteriores ao finalizar cada acto. Todo moi práctico, e polo módico prezo de 2,5 millóns de euros sen contar mobles e persoal necesarios ou o convenio con Portos de Galicia pola cesión dos terreos.

Este Plan de Ordenación do Porto do Grove e da Toxa trátase pois dunha ferramenta da que se serven o Partido Popular e as súas muletas para dar un gran pelotazo urbanístico a conta das arcas públicas municipais. Urbanisticamente a construción do CICRI na zona que se propón é unha aberración, pois afectaría negativamente á xa maltratada fachada litoral do noso casco urbano. Eliminaríanse ademais os xardíns da praza do Corgo, pois é a zona na que se situaría a edificación, como ben nos recorda ese cartel de claros fins propagandísticos que o Alcalde mandou poñer e que non reflexa nin orzamento, nin promotor, nin prazos de execución. Significa tamén, por outra banda, a renuncia por parte do Concello a unha demanda histórica municipal como é a desafección por parte de Portos de Galicia da praza do Corgo, zona de carácter urbano e na que non se realiza actividade portuaria algunha e pola que o ente autonómico lle cobra ao Concello enormes cantidades anuais en taxas de ocupación de espazo portuario por actividades como o mercado dos venres ou a Festa do Marisco, así como a particulares con negocios na zona, que pagan a Portos case o dobre do que cobra o Concello polas terrazas, e nas que a administración municipal non pode poñer orde por falta de competencias, mentres que é o Concello o encargado da limpeza, do alumeado e do mantemento de beirarrúas e xardíns. Todo isto por un capricho dos señores Pérez e Louzán.

Desde Esquerda Unida opoñémonos rotundamente tanto a este Plan de Ordenación do Porto do Grove e da Toxa como ao CICRI, pois consideramos que o primeiro non resolve as deficiencias e demandas dos usuarios da zona portuaria (uso pesqueiro, bateeiro, de pasaxeiros, de recreo e embarcacións tradicionais e singulares), nin as necesidades xerais do Grove (zonas de espallamento, aparcadoiros, festas, mercado, turismo, tráfico). En canto o CICRI, consideramos que será unha desfeita tanto desde o punto de vista urbanístico como orzamentario, e formulamos a necesidade de priorizar outras obras como o centro de día, un novo centro de saúde e melloras nos centros educativos.

ASINA CONTRA O CICRI E O PLAN DE ORDENACIÓN DO PORTO DO GROVE E A TOXA
Esquerda Unida comezou unha campaña de recollida de sinaturas en contra do Centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI) e do Plan de Ordenación do Porto do Grove e a Toxa.
Pode asinar a petición nas follas que están distribuidas nos máis de 30 locais comerciais e hostaleiros do Grove. Tamén o podes facer online premendo aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario