Páxinas

martes, 22 de abril de 2025

Esquerda Unida esixe a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade ante a vaga de roubos no Grove

Lamentan que o alcalde non convocara antes este órgano pese á crecente inseguridade que vive o municipio e solicita participar como membro.

O seu voceiro, José Antonio Otero, alerta de que a resposta institucional está a chegar tarde, mentres a veciñanza vive con medo e sen garantías de protección fronte aos continuos delitos.

O Grove, 22 de abril de 2025.- Esquerda Unida vén de solicitar a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade para abordar a grave situación de inseguridade cidadá que está a sufrir O Grove nas últimas semanas, con roubos en establecementos, entradas en vivendas e tiróns de bolsos que están convertéronse nun feito habitual que afecta directamente ao benestar e á tranquilidade da veciñanza. Nos últimos días a situación agravouse ata niveis alarmantes, con un, dous e incluso tres roubos por noite, o que está xerando unha fonda preocupación na veciñanza.

O seu voceiro, José Antonio Otero, lamenta que o alcalde, José Cacabelos, "non tivera convocado antes este órgano de coordinación en materia de seguridade, cando os episodios delituosos levan tempo producíndose no noso municipio". Otero lembra que "ao comezo do mandato se nos solicitou desde o Concello un representante para formar parte da Xunta Local de Seguridade, mais nunca se nos convocou a ningunha xuntanza", polo que esixe que Esquerda Unida poida participar con voz e voto neste órgano como forza con representación municipal.

A formación recoñece que, segundo manifestou recentemente o alcalde, xa se solicitou reforzo de axentes da Garda Civil á Subdelegación do Goberno e que se está traballando para incorporar novos efectivos á Policía Local. Con todo, Otero subliña que "estas medidas chegan tarde, pois a vaga de roubos non é nova, e a resposta do goberno municipal foi ata agora absolutamente insuficiente".

Desde Esquerda Unida insisten en que a plantilla da Policía Local leva anos reducíndose sen que se cubriran as prazas dos axentes pasados a segunda actividade, e denuncian que segue sen haber patrullas nocturnas, precisamente cando se producen a maioría dos roubos. “O alcalde leva anos escudándose nas dificultades legais para contratar novo persoal, pero mentres tanto os efectivos minguan e a delincuencia aumenta”, denuncia o voceiro.

A situación agrávase, segundo Esquerda Unida, porque a Garda Civil tampouco pode dar resposta suficiente, ao ter que cubrir unha ampla área da comarca con recursos moi limitados. “Mentres noutros concellos limítrofes se reforzan os corpos de seguridade e se poñen en marcha medidas preventivas, no Grove reina a pasividade”, engade Otero.

Desde Esquerda Unida reiteran que a convocatoria da Xunta Local de Seguridade é indispensable para poñer enriba da mesa a situación real do municipio e adoptar medidas conxuntas e coordinadas. “Non se trata só de reforzar efectivos —que é imprescindible—, senón de mostrar empatía coas persoas afectadas e de poñer en marcha un verdadeiro plan de seguridade cidadá”, conclúe Otero.

luns, 21 de abril de 2025

EU esixe a recuperación do nome de José Silva Torres para a Escola de Música municipal

Dende o traslado ao Auditorio Municipal, a Escola de Música deixou de empregar o nome oficial outorgado en 2013 en homenaxe a “Pepe Silva”. Esquerda Unida reclama que se restitúa o nome e se repoña a placa conmemorativa no emprazamento actual.

O nome da Escola honra a un grovense cuxa zapataría foi berce de xeracións de músicos locais. A día de hoxe, o goberno local segue sen cumprir o compromiso de restaurar esta denominación histórica.

O Grove, 21 de abril de 2025.- Esquerda Unida vén de reclamar ao goberno municipal que restitúa o nome oficial da Escola de Música Municipal, que dende xuño de 2013 leva o nome de José Silva Torres, “Pepe Silva”, en homenaxe a quen fixo da súa zapataría na Rúa da Praza un espazo de aprendizaxe musical para moitas xeracións de grovenses.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, lembrou no pleno do mes de xaneiro que dende que se realizou o traslado da Escola de Música ao Auditorio Municipal, deixouse de empregar a denominación oficial, pasando a referirse a ela simplemente como Escola de Música do Grove. A placa que daba nome á escola no antigo edificio do Monte das Flores segue no mesmo sitio e non foi trasladada ao Auditorio.

“Queremos deixar claro que o nome de José Silva Torres non se lle puxo ao edificio anterior, senón á propia escola, e por tanto debe seguir presente sexa cal sexa o seu emprazamento”, declarou Otero. No mesmo pleno, a concelleira de Educación recoñeceu esta omisión e comprometeuse a resolvela, pero tres meses despois non se ten producido ningún cambio.

Desde Esquerda Unida denuncian que a omisión de utilizar o nome de José Silva Torres cando se fala da escola de música estase producindo en todas as publicacións e actos oficiais do Concello, como se puido comprobar hai dous venres durante a audición que os alumnos da escola ofreceron no propio Auditorio, o que consideran unha falta de respecto á memoria dunha figura fundamental na historia musical do Grove. “É unha cuestión de xustiza e de coherencia co acordo aprobado no seu día. Non se pode borrar do mapa unha homenaxe tan merecida”, concluíu Otero.

A formación esixe que se repare esta situación de maneira inmediata, trasladando a placa ao actual edificio do Auditorio e restituíndo o nome oficial da Escola en todos os soportes institucionais e comunicativos.

mércores, 16 de abril de 2025

Esquerda Unida rexeita a expropiación do solar da “Casa de Beni”

A formación critica as formas e a falta de proxecto claro do goberno municipal, e alerta de que esta operación supón prexudicar a unha familia que adquiriu legalmente a propiedade para fixar nela o seu fogar.

Piden ao goberno que, en vista de que xa se fixo efectiva a venda, desista da expropiación e suspenda o expediente.

O Grove, 16 de abril de 2025.- Esquerda Unida vén de manifestar o seu rexeitamento á expropiación impulsada polo goberno municipal sobre a coñecida como “Casa de Beni”, ata este martes propiedade de Benito Maneiro. A formación asegura que son conscientes de que o executivo local perdeu unha oportunidade de ouro para adquirir o solar por vías de negociación e considera inxusto recorrer agora á expropiación cando a vivenda xa foi adquirida por unha familia para convertela no seu fogar.

“Non compartimos as maneiras nas que se desenvolveron os feitos, pero a expropiación non é a solución neste caso”, sinalan desde Esquerda Unida. Lembran que o motivo esgrimido polo goberno municipal para iniciar este proceso de expropiación, despois de non fraguarse a compra, foi a suposta necesidade de mellorar a accesibilidade ao edificio das monxas, pero aseguran que non existe ningún proxecto concreto que avale esa finalidade.

Desde Esquerda Unida denuncian que dende a compra do edificio das monxas, este carece de planificación e o uso que se lle dá aos espazos responde máis a unha xestión improvisada que a un proxecto consolidado. “Cédense aulas a distintos colectivos, incluso compartindo os mesmos espazos para diferentes actividades sen adaptar o inmoble ás súas necesidades reais. Non se executou nin existe proxecto para unha reforma interior nin teñen certeza dos usos que se van implantar. Todo é improvisado”, afirman.

Tamén sinalan que nos últimos meses o goberno local fixo anuncios contraditorios sobre o uso deste espazo, como a implantación do servizo Vellos Tempos, o cal levan anos indicando que se ía desenvolver nese edificio, cando non será así, ou a creación dunha aula de estudo, que tampouco pode realizarse porque as aulas non están adaptadas para tal fin. “Prometen servizos sen capacidade para exercelos, xa que as aulas da primeira planta comunícanse entre si, o que impide unha verdadeira compartimentación”, explican.

En canto ao argumento da accesibilidade, Esquerda Unida pon en dúbida a súa viabilidade a curto prazo. “Mesmo recoñeceron na última xuntanza que non dispoñen de orzamento para tirar a vivenda e adaptar o solar. Iso significa que poderían pasar anos antes de que se materialice esa suposta mellora, cando a impresión que daban na prensa é que sería inmediata. Mentres tanto a familia propietaria quedaría prexudicada sen necesidade”, denuncian.

Advirten de que, mesmo chegando a executar a demolición e urbanización do terreo, os problemas de acceso ao edificio das monxas persistirían, xa que a rúa pola que se entra é de paso único, o que seguirá a dificultar a circulación e pode provocar colapsos na vía principal.

En definitiva, dende Esquerda Unida, non comparten a necesidade de abrir un proceso de expropiación nestas circunstancias e lembran “que non é a primeira vez que este goberno municipal non chega a acordos cos veciños para cesións ou compra de terreos, como foi o caso da rúa das Bouzas, dos terreos de Alexandre Bóveda ou, no último caso, co terreo de Entrehortas, e nestes casos non se procedeu a abrir ningún expediente de expropiación”, sinalan.

“Non estamos diante dun proxecto planificado, senón dunha decisión precipitada, mal xustificada e con consecuencias directas sobre unha familia do Grove. Por iso, desde Esquerda Unida rexeitamos esta expropiación e esiximos que se suspenda o expediente”, conclúen.

mércores, 19 de marzo de 2025

EU insta ao goberno municipal a solicitar as axudas para modernizar e dinamizar o mercado municipal

A convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración permite aos concellos acceder a ata 320.000 € para obras de mellora, rehabilitación ou accións de dinamización e pode cubrir ata o 80% do investimento.

Anxo Meis reclama ao executivo local que solicite estas achegas para modernizar e dinamizar a praza de abastos, evitando así perder unha oportunidade clave para o comercio local.

O Grove, 19 de marzo de 2025 – O grupo municipal de Esquerda Unida pide ao goberno local, e en concreto ao concelleiro de Mercados, que non deixe pasar a oportunidade de acollerse ás axudas que ofrece a Xunta de Galicia para a dinamización e rehabilitación das prazas e mercados municipais. Estas achegas, dotadas cun orzamento de 3,3 millóns de euros, buscan fortalecer a rede de Mercados Excelentes e mellorar as infraestruturas comerciais da comunidade.

O concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, indicou que “o mercado municipal é un espazo clave para a economía local e o comercio de proximidade, polo que resulta fundamental aproveitar este tipo de investimentos para modernizalo, facelo máis atractivo e mellorar os servizos tanto para vendedores como para clientes”.

A nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración permite aos concellos acceder a ata 320.000 euros para obras de mellora, rehabilitación ou accións de dinamización. Segundo indica Meis, “a liña de subvencións pode cubrir ata o 80% do investimento, polo que o Concello debe presentar un proxecto ambicioso para modernizar un espazo esencial para o comercio local”. Así mesmo, a liña de axudas inclúe un período de execución bianual, o que, para Esquerda Unida, supón “unha oportunidade única para planificar actuacións de maior calado sen presións de prazos excesivamente curtos”.

Desde Esquerda Unida consideran que a solicitude destas axudas sería un paso decisivo para revitalizar o mercado municipal, fomentando a súa competitividade e fortalecendo a súa función como motor económico e social da vila. “Non podemos quedar atrás mentres outras localidades avanzan na modernización dos seus mercados. O goberno municipal debe actuar con dilixencia e presentar un proxecto sólido antes do prazo límite do 14 de abril”, subliñou Meis que insiste en que “hai financiamento dispoñible, polo que só falta vontade política para non perder esta oportunidade”.

O grupo municipal presentará un escrito solicitando información ao goberno local sobre as súas intencións respecto a esta convocatoria. “Se a resposta é que non teñen previsto solicitar estas axudas, estaremos ante outro exemplo de desinterese pola dinamización económica do noso concello. O noso compromiso está claro: esixiremos que se aproveiten todos os recursos dispoñibles para mellorar o Mercado Municipal”, concluíu Meis.

venres, 31 de xaneiro de 2025

Esquerda Unida denuncia que O Grove segue sen estratexia turística mentres o alcalde só fala da taxa

 

Para a concelleira Susana Millán, a presenza do Grove en FITUR 2025 volveu depender da iniciativa privada e do liderado doutros concellos ou administracións, evidenciando a falta dunha estratexia turística propia.

Critican que o goberno municipal siga sen impulsar proxectos reais mentres centra todos os seus esforzos en reclamar unha taxa turística.

O Grove, 31 de xaneiro de 2025. Un ano máis, o Grove careceu dunha presenza propia e diferenciada en FITUR, a maior feira de turismo do Estado. A participación da vila limitouse a unha iniciativa externa, a que supuxo a promoción da Festa da Centola levada a cabo pola asociación empresarial Emgrobes, e a unha compartida, como foi á presentación da media maratón "Entre Rías" que transcorre entre o Grove e o Concello de Sanxenxo.

Sobre este evento, a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, denuncia que o goberno municipal non foi capaz de reclamar para O Grove o protagonismo que lle corresponde na organización desta proba deportiva. "O compromiso inicial era que cada ano a carreira alternase o inicio e final entre os dous concellos, pero nin sequera isto foi quen de defender con forza o noso alcalde”, lamenta Millán, que á vez afirma que “acoller a chegada suporía un impulso importante para a hostalería local, pero teremos que conformarnos con ser saída por segundo ano consecutivo, o que demostra o pouco peso político de Cacabelos ante o seu homólogo e Sanxenxo”.

Desde Esquerda Unida tamén critican que a única prioridade do Alcalde, que á vez é o concelleiro de Turismo, sexa a implantación dunha taxa turística. "En agosto do pasado ano, Cacabelos declaraba que o turismo supón un gasto de máis de medio millón de euros para o Concello. O que nos preguntamos é de onde vén este afán recadatorio, sobre todo cando ten dende 2023 dous millóns de euros da Unión Europea para a Gastromeca e aínda non foi capaz de executar máis que o 32%. Nin tan sequera sacou a concurso a contratación da consultora necesaria para desenvolver todo o proxecto", denuncia Millán.

A edil de EU tamén lembra que o goberno municipal segue sen aprobar normativas esenciais para a xestión turística da vila, como a ordenanza de caravanas ou a de terrazas, ou crear unha mesa de traballo para procurar unha solución á proliferación das vivendas turísticas, tal e como acordaron ao inicio do mandato. Ademais, están pendentes compromisos como as bases para as Centolas de Ouro, a actualización do material promocional ou a recuperación dunha páxina web turística propia.

Por último, Esquerda Unida considera que os fondos europeos Next Generation deberían destinarse a crear un produto turístico sólido, que beneficie ao empresariado local e que poida ser levado a FITUR como unha aposta propia do Concello. "Hai oito anos coincidiamos en que o modelo de promoción en FITUR non era o axeitado, pero Cacabelos prometera buscar unha nova fórmula adaptada ás demandas actuais do sector. O problema é que, desde entón, nada se fixo", conclúe Millán.